Esta mesma semana os Concellos de Cotobade e Cerdedo decidimos iniciar un proxecto de fusión municipal que, de obter o maioritario respaldo social que estamos a detectar nestos primeiros días e chegar a bo porto, suporía unha racionalización da pranta municipal do interior de Pontevedra á que só vexo beneficios para os case 6.200 veciños deste novo termo. Esto non sería posible sen a receptividade do alcalde José Balseiros, que comparte os mesmos sentimentos cara á xente e ás terras de Cerdedo e Cotobade.

Levo catro días preocupado pola responsabilidade das circunstancias e sentindo a importancia deste intre. Quero e creo no Cotobade do século XXI e embriágame poñer un gran de area para construílo. Quero que, entre todos, ergamos un Concello forte, vivo, onde corran e sorrían os nosos fillos. Quero un futuro para as terras do Canón de Pau. Non me resigno a ver esmorecer o padrón, a ver diminuír os recursos económicos, a ver a xente irse ás cidades, a ver que non hai testemuño para os nosos maiores. Non me resigno, négome en redondo. Os que esperen inacción cara unha "morte" doce e lenta que non conten comigo.

Para afondar no asunto, quero aclarar que estamos ante o proceso constituínte dun novo Concello, unha acción de suma importancia que estou convencido de que será pioneira no futuro de Galicia e do resto de España. Ante esta situación, son o primeiro en deixar de lado as loitas partidarias porque o que está en xogo non é nin o meu futuro nin o de ningún partido de Cotobade ou Cerdedo, o que poñemos enriba da mesa é o benestar cidadá e, para min, iso son palabras maiores. Por iso, e máis aló dalgunha declaración belixerante e ata entendible, quero agradecer a lealdade e seriedade coa que está a afrontar o proceso a oposición de Cotobade.

A nosa proposta pasa por crear un novo Concello, Cerdedo-Cotobade, que subiría de categoría ao contar con 6.160 habitantes e situarse no posto 85 dos 313 municipios galegos; que aumentaría os seus orzamentos en ata un 80% ao manexar máis de 5 millóns de euros anuais; que podería reforzar e crear novos servizos públicos; que podería conxelar ou diminuír impostos; que mantería a identidade de ambas terras como se ve na denominación escollida; que sería o terceiro máis grande da provincia cunha situación estratéxica envexable e unha vía de comunicación, a N-541, vertebradora do municipio? En definitiva, eu só percibo vantaxes e entendo que a cidadanía tamén, xa que apenas escoitei unhas poucas críticas nestos días.

Non quero deixar de lado a cuestión administrativa. A capital do Concello estará na parroquia de Carballedo, onde actualmente se empraza o consistorio de Cotobade, pero a sede de Cerdedo permanecerá aberta para atender todos os trámites municipais de todos os veciños. E aquí tamén saímos gañando todos, pero a Cotobade, ao fixar a nova capital, xórdelle unha oportunidade histórica. E na nosa historia xa deixamos pasar moitas. Esta ímola coller.

E quero rematar compartindo os meus sentimentos máis fondos. Para alguén ao que lle guste a política non hai nada máis satisfactorio que ser alcalde do teu pobo. O cariño e apoio dos teus é o máis difícil de acadar. Cheguei a rexedor con 22 anos sendo pouco máis ca un rapaz realista, pero moi soñador, con vocación pública que só pensaba en axudar á xente e construír para eles un futuro mellor. Na política municipal hai moitos problemas que moitas veces núbranche a idea de que serás capaz de facer algo bo para os teus veciños. Esta semana sentín que Cotobade e Cerdedo poden ter un futuro mellor. Todos estes días fun para cama completamente esgotado, pero cun sorriso porque lembrei eses soños e sentín a ledicia de participar dunha decisión realmente importante para todos nós. O futuro está aí, só temos que collelo. Grazas Cotobade.

* Alcalde de Cotobade