Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Diálogo e xenerosidade

A historia da construción do Gran Vigo ao que pertencemos resúmese nun principio básico: o de facer da necesidade virtude.

Dende que no ano 1999 se alcanzara o acordo fundacional da Declaración de Soutomaior, os intentos por acadar o "matrimonio" entre os Concellos que nos reivindicamos como pertencentes á Área Metropolitana de Vigo ten sido baldío.

Unha razón de fondo para este resultado: a falla de visión metropolitana do conxunto dos chamados a xuntarse.

Un erro sistemático: o intento fracasado de impoñer dende fora do Gran Vigo o que tiñamos que facer, case sempre por motivos partidistas alleos aos intereses dos veciños e veciñas.

Estamos ante un novo escenario: por primeira vez en moitos anos estamos todos e todas xuntos/as comprometidos/as en rematar dunha vez o proceso, incluídos os Concellos que ata agora non participaran.

Diálogo constante e negociación permanente: eis as claves do éxito final.

Xenerosidade sen liñas vermellas e visión de futuro claro para exercer dunha vez por todas o papel que ao Gran Vigo lle corresponde no escenario nacional, estatal e internacional.

E aproveitar a nosa privilexiada situación transfronteiriza para potenciar o Eixo Vigo-Porto, sen esquecer a vocación que deu orixe á cidade e a súa Área: a de porto e porta por mar que nos abre ao mundo.

É hora de mover os marcos que nos atan ao pasado... e aproveitar as novas coordenadas para construir xuntos o futuro que os nosos veciños e veciñas desexan e polo que traballan día a día.

Porque os veciños e veciñas de Salceda axudaron dende sempre a construir o Gran Vigo: traballando cóbado con cóbado cos vigueses e as viguesas en Citröen ou nos Asteleiros da Ría; disfrutando e sufrindo dende sempre nas bancadas de Balaídos co noso Celta; mercando no tecido comercial da cidade, e tamén rexentando establecementos comerciáis nas súas rúas e prazas.

Moitas e moitos nacemos, incluso, no hoxe fechado "Pirulí".

De qué maneira o imos conseguir? Como sempre: facendo da necesidade virtude.

Por min e polos veciños e veciñas de Salceda non vai quedar.

*Alcalde de Salceda

Compartir el artículo

stats