A Área e o seu transporte

30.01.2016 | 02:11
A Área e o seu transporte

Despois de moitos meses, mesmo anos falando da Área Metropolitana de Vigo seguimos sen tela constituída, non por que non faga falta, senón porque parece que se converteu nunha arma arroxadiza na batalla polo poder político. Desde o Concello de Moaña queremos facer un chamamento a aparcar as siglas dos partidos e a afrontar con vontade de consenso o reto de deseñar unha Área útil para os nosos veciños e veciñas, xa que son quen pagan as consecuencias da falta de acordo.

Parece que o punto de maior discrepancia é o do Transporte, para nós, a primeira das competencias que debería de asumir o novo ente. Un transporte que combine as liñas por estrada, coas marítimas e coas ferroviarias, pois unha rexión ben comunicada é unha rexión con futuro; e ademais que permita aplicar políticas de prezos que favorezan a utilización do transporte público en lugar do particular, xa que tamén é importante velar pola sostenibilidade medioambiental.

As competencias deberían de ser transferidas coa totalidade dos fondos precisos para o seu desenvolvemento, para evitar a situación que se produce actualmente co Plan de Transporte Metropolitano, na que os concellos adheridos, a pesar de non ter a competencia, temos que sufragar parte da subvención do billete, sen embargo, non temos capacidade de decisión sobre cuestións tan importantes como que haxa unha liña de transporte desde O Morrazo ao novo hospital de Vigo, onde é a empresa concesionaria a que decide se a solicita á Dirección Xeral de Mobilidade ou non.

Para que a Área estea completa, débense incorporar á mesma todos aqueles concellos que manteñan unha relación económica e social coa cidade de Vigo, tomando como referencia a área sanitaria. Esta ampliación é necesaria que se faga o antes posible para que ditas entidades poidan formar parte da toma de decisións desde o primeiro momento.

Por todo o anterior, como alcaldesa e veciña de Moaña porei toda a miña vontade en que a Área sexa unha realidade. Unha Área plural, que mire cara o futuro, centrada no benestar da veciñanza e na que as decisións sexan acadadas por consenso.

*Alcaldesa de Moaña

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine