Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Gato ningún

Falabamos do ruído que os articulistas sistémicos de Galicia e España están a formar sobre o éxito electoral da Maré en mestura coas derrotas de outros e co camiñar de Cataluña polos vieiros da súa independencia. Sobre estes segundo acontecemento, destinado, sen dúbida a ter un lugar nos libros de Historia, bo número de comentaristas do xénero encabreado fai comparanza da política independentista catalana co esperpento valleinclanesco. Parece como se moitos destes articulistas se puxeren dacordo para citar os "espejos cóncavos" do "callejón del Gato" tal como Valle os trai a conto en "Luces de Bohemia".

En realidade os comentaristas citan o Valle-Inclán que coñecen, non penso eu que pasen moito alén do drama citado. Se estudasen e lesen a triloxía "El Ruedo Ibérico" verían como alí aparece unha España corrupta, unha monarquía desprestixiada e unha sensación colectiva de que aquel réxime podre ten que cair. Por iso nas páxinas das tres novelas conta o narrador, en presente de indicativo, que, por veces, a noite de Madrid racha en dous co berro anónimo de "Viva la Niña", ou sexa a República.

Aqueles "amenes isabelinos" que pintaba tan ben o mestre de Vilanova eran as derradeiras boqueadas dun réxime e a porta de entrada da Gloriosa. Se queren coñecer o clima social e cultural previo á expulsión de Isabel II lean "El Ruedo Ibérico", que moito axudaría aos politólogos e constitucionalistas metidos a explicarnos o imbéciles ou perversos que somos os que apoiamos En Maré. Eles non saben, pero ao citaren "El callejón del Gato" están a demostrar unha certa ignorancia. Valle chamoulle así a unha rúa que en Madrid acolle, entre outros establecementos famosos, a Villa Rosa posmodernista e Las Bravas, taberna onde se inventaron as patacas do mesmo nome. Alí están os espellos deformantes, que non só cóncavos. Díxome un día Zamora Vicente que non son os espellos orixinais, xa que estes estaban nunha ferretería desaparecida e eran maiores.

Tampouco se trata dun "callejón", senón dunha rúa regular que vai da Praza de Santa Ana a Barbieria. Finalmente, o nome non se refire a "gato" ningún, senón ao ilustre poeta castelán Juan Álvarez Gato (1440-1509?). E así figura na placa municipal que leva anos coma area indicando ben esta vía urbana. Saben pouco de literatura "española" estes anticatalanistas. E nunca mencionan que Franco fusilou ao presidente da Generalitat, Ll. Compayns, despois de lle ser entregado en Hendaia polos camaradas da Gestapo en 1940.

Compartir el artículo

stats