Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

dende o meu sofá

Imos aló

Esta pasada noite soñei cun mundo no que non existía nin odio nin rancor porque os corazóns usábanse só para amar. Ninguén recordaba mal algún, non había persoa que soubese maldicir. E, curiosamente, todos os homes e mulleres compartían os mesmos dereitos e deberes.

Soñei cun mundo no que non había xente durmindo na rúa pois cadaquén tiña o seu fogar no que non había fame, nin frío, nin soidade. Ninguén pedía axuda nas beirarrúas nin ás entradas das igrexas ou dos mercados. O diñeiro, o suficiente, estaba repartido, non existía quen quixese ter máis.

Soñei cun mundo sen fronteiras, nin desexos delas; nin valos que separasen, nin aduanas que superar. Todos e cada un dos que alí vivían eran cidadáns do mesmo lugar. Non tiñan medo uns dos outros porque "entre iguais nunca hai divisións", dicían.

Soñei cun mundo no que os fillos amaban e respectaban aos seus pais e os maiores eran honrados como sacros. A familia era protexida coma ben superior porque comprendían que era a base de todo.

Soñei cun mundo no que non existía a violencia e non había quen sentira a obriga de defender a paz porque a súa vivencia era lóxica.

Soñei cun mundo no que os cidadáns elixían de entre eles a uns poucos aos que chamaban "servidores" (ai!) e aos que entregaban o encargo de gobernalos. Disque a súa única obriga era traballar polo que chamaban "ben común".

E a xente sorría.

Pero daquela o impertinente espertador fixo das súas. Espertei e deime de bruzos cun mundo no que os odios e os rancores barullaban na rúa. Vin que uns poucos teñen/temos dereitos e uns moitos só deberes. E hai quen pasa apuros mentres eu os miro coma se fosen parte dun espectáculo circense.

Prendo a radio e escoito que si hai fronteiras, e valos, e aduanas e incluso quen quere máis de todo iso. E penso que haberá quen estea a abrir a súa doméstica caixa forte rebordante de cartos, xoias e algúns segredos.

E fálanme de familias desfeitas que sofren en silencio as súas vergoñas; e incluso de quen ve nos maiores a uns insoportables vellos "morriñosos" dun asqueroso pasado (fin da cita).

E parece (ai!) que case ninguén sabe o que é en verdade "o ben común".

Non volvo á cama porque sei que os soños están para realizarse. Non me resigno a aceptar que este mundo non teña arranxo. Así que testaruda, apaixonada e pacientemente? imos aló! Bo Nadal!

Compartir el artículo

stats