Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Vodas de ouro de "Gaudium et spes"

Un dos tesouros da miña biblioteca é o exemplar da tradución galega da constitución Gaudium et spes do concilio Vaticano II, publicado o ano 1974.Unha tradución realizada por Isaac Alonso Estravís. E, como di a parábola do evanxeo, cando un ten un tesouro, ademais de aledarse por posuílo, debe conservalo,coidalo e compartilo. Non importa tanto se o galego daquela época fose ou non normativo, ou se a tradución non pasase hoxe a normativa vixente. O que debemos valorar e agradecer é o traballo daquelas persoas á fronte das edicións do Adro da editorial SEPT, que non dubidaron en sacar do prelo esta marabillosa edición dun texto conciliar que supuxo unha xeira de diálogo e compromiso coa sociedade por parte da Igrexa.Nun momento no que nin o idioma galego era valorado nin dentro nin fóra da Igrexa por parte das "elites" sociais, políticas, económicas, culturais e relixiosas da época -moitas destas tampouco hoxe o valoran-,senón máis ben todo o contrario,foron moitos os atrancos na roda para que non avanzase a dignificación da lingua do noso país. Unha dignificación á que invitaba a Sacrosanctum concilium, constitución conciliar sobre a liturxia; e a mesma Gaudium et spes ao falar da importancia e da necesidade de inculturar -expresar o Evanxeo nas categorías propias de cada cultura,para que non fose algo estraño- a fe cristiá. Sirvan estas primeiras liñas de homenaxe a aqueles pioneiros que, vencendo dificultades, mesmo ameazas, non dubidaron en traducir e publicar en galego a que acabou sendo a constitución referencia do concilio respecto á necesidade da Igrexa de atopar o seu lugar no mundo.

Todo canto veño dicindo vén a conto porque onte, 7 de decembro, fixo cincuenta anos da aprobación desta cuarta e última das constitucións conciliares.Deste xeito á Lumen gentium -a Igrexa-, á Sacrosanctum concilium -a liturxia- e á Dei verbum -a Revelación- viña engadírselle a Gaudium et spes, coa que se quería poñer de manifesto que á Igrexa urxíalle estar presente no medio do mundo para dialogar, escoitar e aportar na tarefa de facelo máis humano, xusto, pacífico e solidario; abandonando definitivamente calquera tentación -o que non resultou nada doado- de volver á sociedade de cristiandade, na que a Igrexa mandaba, impoñía e colaboraba -someténdose ou sometendo- xunto ao poder civil. Todo o contrario: aquela fría tarde do inverno romano de 1965 os pais conciliares, despois de moitas discusións, non poucos quebradeiros de cabeza e unha grande paciencia por parte dos que empeñaran forzas e vida para sacar o documento adiante -os primeiros esquemas do que logo foi o texto final comezaran a elaborarse en 1962- deron definitivamente o seu placet. Froito do laborioso e dificultoso que resultou son os números das votación final: 2.309 placet, 75 non placet e 7 nulos. Foi o texto que máis polémica e rexeitamento tivo, e no que se apreza a loita duns e doutros para que as súas posicións triunfaran e quedaran reflectidas no documento final. Grazas a moito esforzo e a unha pedagoxía de escoita e diálogo; grazas a non deixarse bloquear polas presións nin os prexuízos, grazas a saber, por parte da comisión, aceptar as enmendas -que moitas veces chegaban en forma de presión por parte do grupo dos bispos máis conservadores-conseguiuse aprobar un texto de grande calado eclesial e social.

O seu comezo xa é significativo para o lector que se achegue a el, pois as afirmacións do primeiro parágrafo indican ben ás claras un compromiso de diálogo, presenza e implicación co mundo, do que a Igrexa non quere poñerse á marxe. Pola súa importancia e fondo significado, non me resisto a non traelo aquí, mantendo o texto da súa tradución ao galego do ano 1974, para que o lector valore canto veño dicindo:

"O gozo e a esperanza, as bágoas e as angurias dos homes do noso tempo, sobre todo dos probes e de todos sofren, son tamén o gozo e a esperanza, as bágoas e as angurias dos discípulos de Cristo. Non hai nada verdadeiramente humánque non ecoe no seu corazón. A comunidade que eles forman...síntese ela mesma íntima e realmente solidaria do xénero humán e da súa historia.( G.s.1)

Toda unha proposta e compromiso nunha Igrexa en primavera e con ganas de cambio, de "aggiornarse", en palabras do papa Xoán XXIII. Gaudium et spes quere facer da presenza e do actuar da Igrexa en diálogo co mundo unha proposta nova, esperanzadora e ilusionante para moitos crentes daquela e segue a ser texto de referencia para as persoas seguimos enchoupadas na lóxica da igualdade e da liberación á que nos urxe o Evanxeo, o que nos move a facer da nosa presenza no medio do mundo unha tarefa permanente de buscar diálogo e entendemento contra a tentación de crispar e enfrontar a quen pensa ou ten perspectivas e modos de actuar distintos a nós.

Gaudium et spes foi para os teólogos do postconcilio texto de referencia desde onde propoñerunha teoloxía que buscaba iluminar a realidade desde a esperanza, a colaboración e o entendemento co mundo.As teoloxías do xenitivo ou da praxe -da liberación, do traballo, do progreso, da negritude, da política...-e a mesma Doutrina Social da Igrexa teñen o seu pulo nesta constitución pastoral.

Como non ía ser así tendo en conta a lucidez e claridade da antropoloxía teolóxica que nos propón na primeira parte! E desde ela a seriedade, buscando o actuar autónomo e en conciencia, ao falar do matrimonio e da familia -que hoxe tanto se está a debater na Igrexa-, a promoción da cultura, a reflexión, desde claves ético-antropolóxicas, da economía, a política o, a busca da paz e a construción dunha comunidade internacional solidaria e na permanente busca do ben común. A simple mención dos temas tratados fan do texto, a pesares dos cincuenta anos pasados, unha proposta actual e na que todas as persoas, crentes ou non, estamos invitadas a volver permanentemente pola súa frescura e o seu profetismo.

Remato xa, dando grazas a Deus pola constancia e xenerosidadede cantos traballaron na súa elaboración e de cantos fixeron posible coa súa aprobación que a Igrexa deixase de ser unha institución de cristiandade, que só miraba cara ao pasado e desconfiaba do presente, para ser, como tamén o ha ser hoxe, unha Igrexa comunidade que fronte á globalización económica lastrada polo individualismo aposta por unha globalización solidaria que loita por coidar a casa común, o mundo, e a cantos o conforman na busca da solidariedade comunitaria.

*Profesor de Teoloxía Moral Social. Instituto Teolóxico de Vigo

Compartir el artículo

stats