Xosé Neira Vilas xa é eterno pola súa obra e pola súa traxectoria vital. Para moitos de nós foi un mestre, un exemplo de coherencia, rectitude e enerxía positiva á hora de enfrontar os retos da vida. Pepe Neira déixanos unha obra inmensa, un exemplo de traballo constante, pero sobre todo, a imaxe inmorrente dun intelectual que non renunciou nunca a selo sen abandonar a afectividade, o respecto e a dedicación ao entorno no que viviu.

Sempre dicía que "caneara" corenta anos por América para retornar a unha Galicia moi distinta á que deixara, e volveu para constituír unha Fundación na que moitos puidemos aprender centos de cousas á súa beira, para compartir con el e con Anisia, logo só con el, aquelas experiencias e todo aquel tesouro acumulado durante tantos anos.

Á súa beira non só se podía aprender a data que o Zeppelin sobrevoou o Val do Ulla senón tamén cantas revistas se publicaban no Buenos Aires dos anos cincuenta, que opinaba Alejo Carpentier sobre o Camiño de Santiago ou como cociñaba Díaz Pardo. Confirmounos tamén que os galegos fomos os que lles ensinamos o oficio aos pescadores do Golfo de México, ou que dende A Coruña partiu un polizón analfabeto que chegou a ser catedrático de Dereito en Cuba.

Cunha memoria prodixiosa descubríanos como o "Caballero de París" era en realidade un emigrante da Fonsagrada, para logo ser capaz de contar ducias de chistes seguidos, materia que dominaba amplamente. Así pasaban as horas con Neira Vilas, rodeado de investigadores concienzudos e tamén de nenas e nenos que non paraban de correr dun lado para o outro. Dictaba conferencias nos máis reputados foros ou facía un pregón nunha festa popular. Era un home da Terra, un activista da nosa cultura que sempre saía para adiante cun sorriso e con moitas gañas de vivir.

Todo isto e moito máis foi aquel neno que naceu Balbino e rematou sendo membro da Real Academia Galega, doctor honoris causa por dúas universidades e moitas cousas máis. Un neno labrego que elevou a aldea á categoría de cátedra para crear unha obra inmensa que a partir de hoxe é un clásico da literatura universal.

*Secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia