Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

En tempo de Política Pop

No preciso momento en que Vdes. -sempre moi amables lectores destas crónicas semanais- teñen diante de si as presentes liñas, estaremos aínda a vinte e dous días da celebración das Eleccións Xerais. Xa que logo, que virá ser aquilo que nos han de deparar as próximas semanas? Que inusitadas sorpresas abrollarán, en consecuencia, desde os plasmas e/ou os cristais líquidos -LCD, vaia- das pantallas dos nosos televisores? Porque, de certo, a cousa non fixo máis que comezar e velaí, día si e día tamén, que os diferentes candidatos están lanzados, absolutamente decididos a dalo todo, sen reparar en intimidades e/ou sacrificios, con tal de, share abaixo/share arriba, reter/acaparar as audiencias. Plenamente convencidos, daquela, de que, tal e como axeitaran os Queen, "The show must go on" ("O espectáculo debe continuar") por enriba de calquera conxuntura, D. Pedro Sánchez, D. Albert Ribera, D. Pablo Iglesias..., mesmo, quen o diría!, D. Mariano Rajoy semellan, todos eles, dispostos a rivalizar co inimitable -e infelizmente desaparecido- Freddie Mercury, espallando aquilo de: "The show must go on./The show must go oin./Inside my heart is breaking./Mi make-up may be flaking,/but my simile still stays on" ("O espectáculo debe continuar./O espectáculo debe continuar./O meu corazón está rompendo por dentro./A miña maquillaxe pode estar a esfarelar,/pero o meu sorriso aínda permaece."). "É que van como tolos!", que aseveran as xentes maiores da miña familia e/ou acaso tamén desoutras de Vdes.

En efecto, lonxe de telediarios, entrevistas, tertulias e debates -que viñeran sendo até a data presente o seu territorio natural-, os diversos candidatos a ocupar as mellores dependencias do Palacio da Moncloa decídense agora mesmo por "chupar cámara" nos escenarios de "Salvados" pero así mesmo nesoutros contornos, plenos de aventura e emoción, de "Planeta Calleja"; visitan -cantando, bailando, saltando...., mesmo estoupando!- "El hormiguero"; dispoñen de minutos para a terceira idade desde os sofás de "¡Qué tiempo tan feliz!"; acoden á xuntanza matinal, amarelo-rosácea, de Ana Rosa Quintana ou, en plena epifanía, non teñen dúbida tan sequera en aceptar a invitación para visitaren a casa de Norberto Juan Ortiz Osborne, inaudita ave fénix máis "sobradísima" que nunca. En fin, inmunes -talvez pola súa propia natureza- aos efectos dos gases tóxicos, ás emanacións de xofre, aos espasmos da vesícula biliar e mais ás perforacións de úlcera, móstranse capaces de compartir incluso a halitose dos Matamoros, Lydia Lozano, Kiko Hernández, Mila Ximénez... nas inacabables tardes/seráns de "Sálvame", para maior honra e gloria da súa madame, digo presentador!, D. Jorge Javier Vázquez: "Eu por un voto, mato!", que explicaría -en "Sálvame" andamos- a nosa afouta "princesa do pobo", Dna. María Belén Estévez Menéndez de Jesulín y Campanario. Benvidos, pois, miñas donas e meus señores, ao Politainment!

O fenómeno devén novidoso, desde logo, por estes pagos que habitamos; sen embargo, xa hai tempo que resulta habitual noutras áreas "do noso entorno" e, claro é, nos Estados Unidos e demais países americanos. Ttrátase daquilo que os gurús do asunto denominan como "cultura da Política Pop": os "late night shows" -para alén, claro é, da importante ocupación das "soft news" nas escaletas dos informativos diarios-, pero aínda todo o conxunto dos "info-show" coñecen a presenza de líderes ou aspirantes ao liderado. Asistimos, portanto, a un xeito de telerrealidade e/ou "talk show" arredor de cuxa pertinencia non se acaban de poñer de acordo os, xa referidos, gurús e analistas: desde aqueles que interpretan que estamos dando pasos acelerados cara ao abismo da máis absoluta trivialidade até esoutros que consideran, optimistas, as súas (supostas) vantaxes, tal sería acadar conseguir popularizar a información política en sectores pouco proclives a interesarse por ela. En fin, e como din os "modelnos", Vdes. mesmos.

En todo caso, que queren que lles diga/escriba?, este modesto cronista non ve especiais inconvenientes na comparecencia en "prime time" dos Rajoy, Sánchez, Ribera, Iglesias... Arranxar a economía?; ser capaces de baixaren o paro?; asegurar o futuro das pensións? Poida que, en realidade, nada diso vaia con eles; con todo, non estaría mal saber se, ademais de montar en bicicleta e ler o "Marca", o Sr. Rajoy posúe algunhas nocións de bricolaxe. Coñecermos se, da súa parte, D. Pablo Iglesias controla de mécanica do automóbil mentres cantaruxa calquera tema de moda ou acaso comprobar como lles prepararía/serviría uns espaguetis aos seus (hipotéticos) clientes D. Pedro Sánchez, baixo a atenta mirada de Alberto Chicote. En fin, postos en plan doméstico, non estaría de máis termos noticias en relación a como se desenvolve D. Alberto Feijoo á hora de preparar uns ovos con patacas fritidas ou se D. Martiño Noriega, alén de curar carraspeiras e demais, ten noticia de saberlle facer a raia ás camisas ao tempo que escenifica unha actuación do xenial Eugenio: "saben aquel que diu...?" E é que, ao final e contra todo o que aseveran os escépticos, maldicentes e revoltés anti-sistema, os nosos políticos si que valen para algo!

Compartir el artículo

stats