Cangas vai na luz do sol inmensa, porque ti non cesas na ardentía. Estás con nós en sempre. En Gres hai nas arestoras a Música dun xílgaro que pespunta unha muiñeira de río grande e caudaloso. Non se move o silencio. A auga que nace no cerne de Galiza, aló nas cimas da Terra do Medio, muda as cores do solpor que son de sempre amigas. E velaí estás cabo da ponte de granito: espello do rural, cosmopolita, anuncio de aves que son tamén de noso, Atlánticas e madrugueiras, para o sorriso maila vista dos menceres.

Namoramos contigo pola herdanza solidaria e que non cesa nos andares da ledicia e rompe os cabos do mundo hostil que nos acosa. E suma as datas da memoria do neno humilde e madrugueiro que sorrí cabo cabo de noso, de lonxe e perto, nas artesas da vida en obra, en agarimo do rural que vai na cerna das palabras e das vidas alén do tempo: tal é a túa entrega e o teu sorriso. Xosé Neira Vilas, vitalista, pleno, amigo e sempre namorado dos menceres máis garridos. Ti.