Carta a Xosé Neira Vilas. In memoriam

28.11.2015 | 03:00
Carta a Xosé Neira Vilas. In memoriam

Benquerido, Xosé Neira Vilas: Tivemos a honra de dicircho publicamente moitas veces e hoxe repetímolo unha vez máis. De Ti aprendemos moitas "Cousiñas" do eido, do ámbito das Letras, ben como narrador, ben como poeta, ben como xornalista, ben como editor, ben como xestor (animador) cultural... ou ben como historiador da nosa emigración da que es unha testemuña excepcional. Cronista de Nós. Cronista dun tempo de extraordinaria riqueza na cultura galega... "O que non fixo o estado español, escoitámosche dicir moitas veces, fixérono os nosos emigrantes".

Es, xa que logo, para Nós, todo un Referente Único cunha Estética Auténtica (esa é a palabra máxica, a palabra clave definitoria do teu inxente labor creativo; atreveriámonos a dicir que da túa vida, a autenticidade). Sempre, sempre, cun fondo compromiso de fidelidade á terra, á lingua, á nosa cultura? que te acredita, ao noso entender, como un dos mellores escritores galegos de todos os tempos. Pero sobre de todo, de Ti aprendemos moitas "Cousiñas2 do eido, do ámbito persoal, humano, ético (que fan que sexas todo un exemplo, todo un paradigma, toda unha ponte entre os teus vellos amigos intelectuais galeguistas e os novos amigos (eses pereiriños do CEIP do Foxo que tanto te queren).

Es, xa que logo, para Nós, todo un referente de comportamento, humildade, modestia e xenerosidade. Estética e Ética. Es quen de pór unha guayabera e percorrer a longuísima Avenida de Rancho Boyeros ou de dar unha promenade a carón do río, en Gres. Velaí o grande segredo da túa persoa. Conxugas á perfección o Neira Vilas, escritor sobranceiro das nosas Letras; e o Neira Vilas, persoa benquerida e admirada por todos, sabedora do dito do grande poeta cubano José Martí, "Toda a gloria do mundo? colle nun grao de millo". Os teus pasos deixan en Nós unha fonda pegada. Das túas pisadas agroma xa un camiño que será o abrente.

Por todo isto, noso querido Amigo, sentímonos fondamente orgullosos, honrados e ledos de que a Biblioteca do CEIP do Foxo leve o nome de "Xosé Neira Vilas". E de poder amosarlle ao Uni(Verso) enteiro a túa obra e a da túa dona, a escritora galega cubana, Anisia Miranda.

Unha aperta de buxo de toda a comunidade educativa do CEIP do Foxo e Mil parabéns por seres como es.

*No nome de toda a comunidade educativa do CEIP do Foxo (A Estrada)

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine