Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Profesor de Economía Aplicada da USC

Urxencias do presente e problemas de fondo

Neste ano 2015 o sector lácteo volveu saltar en Galicia aos titulares dos medios de comunicación debido, igual que en episodios anteriores, ás mobilizacións dos gandeiros. Mobilizacións centradas neste caso nos baixos prezos, pero tamén na falta de garantía de recollida da súa produción. Máis alá das medidas paliativas para abordar as cuestións inmediatas, convén ter claros os problemas de fondo que están na súa orixe. Porque só isto permitirá definir un programa de actuacións a medio e longo prazo que asegure a viabilidade do complexo lácteo galego no novo contexto europeo e internacional.

O primeiro a sinalar é que, fronte á percepción social de que estamos ante un sector en crise permanente, nas tres décadas transcorridas desde a integración na UE o sector lácteo mantivo en Galicia un notable dinamismo produtivo. De tal modo que, a pesar de que o número de explotacións se reducíu a unha décima parte, o esforzo investidor das que continuaron en activo posibilitou que o volume de leite entregado á industria máis que se duplicara. O resultado foi a consolidación dun segmento de explotacións medianas comparables no plano tecnolóxico ás dos países desenvolvidos de Europa, que posibilitan que Galicia produza hoxe o 40% do leite de España e un dato menos coñecido: que figure entre as 10 primeiras rexións lácteas da UE.

O problema fundamental é que iso non se acompañou dun desenvolvemento paralelo da industria. Así, na actualidade un mínimo do 30% da produción láctea continúa exportándose en bruto, e as industrias existentes están especializadas no leite envasado, o produto que xera menos valor engadido e cun maior dominio das cadeas distribución. A consecuencia é que, producindo o 40% do leite de España, a industria láctea localizada en Galicia supón (en termos de renda e emprego) menos do 10% da española. E a debilidade é moito máis acusada se nos referimos ás empresas de capital galego. A este panorama contribúe, ademais da debilidade da iniciativa empresarial, a precariedade do tecido cooperativo: só o 7% do leite é transformado en Galicia por industrias cooperativas, fronte ao 21% en España e as porcentaxes superiores ao 90% de países como Dinamarca, Holanda ou Irlanda.

Se esa é a "foto", máis preocupante aínda é a "película" do que está sucedendo nos anos recentes. Os datos mostran uns elevados investimentos na industria láctea europea (máis de 5.000 millóns de euros no trienio 2012-2014), como preparación para a eliminación das cotas. Investimentos concentrados nas principais zonas produtoras de leite da orla atlántica e o cuadrante norocidental da UE. Dentro das dez primeiras rexións lácteas a única sen nengún investimento importante é Galicia.

Estamos, en definitiva, ante unha cadea produtiva "truncada", que se limita á obtención de materias primas e os derivados máis simples. Partindo desa realidade, o noso complexo lácteo enfróntase actualmente a unha etapa crucial, como sucedeu hai 30 anos coa integración na UE. Etapa crucial pola confluencia de tres elementos: a dinámica dos mercados mundiais de produtos lácteos, caracterizada polo incremento da demanda pero unha acusada volatilidade; o encarecemento dos alimentos para o gando e outros insumos; e a liberalización do sector na UE, que culminou coa desaparición do sistema de cotas en abril de 2015. Eses cambios no contexto europeo e internacional son os que están na orixe das fortes oscilacións do prezo do leite percibido polos gandeiros na UE desde 2007. Problema que no caso galego se ve agravado polas debilidades internas: a precariedade da estrutura industrial, á que se une a desarticulación da cadea. Neste último aspecto segue manténdose en España, e de modo particular en Galicia, unha cadea láctea desorganizada e desequilibrada, definida pola "lei da selva" nas relacións entre gandeiros e industrias e o dominio crecente da distribución.

Dese diagnóstico despréndese que, máis alá das accións inmediatas para paliar a actual conxuntura, son necesarias medidas a medio e longo prazo, coa implicación dos axentes privados e as políticas dos Gobernos español e galego. Medidas que aborden as tres grandes cuestións que van condicionar o futuro do noso complexo lácteo nun mercado liberalizado: a reorientación do sistema produtivo das explotacións cara a modelos máis baseados nos recursos forraxeiros; o reforzamento da industria, mediante unha estratexia diversificada tanto no referido ás empresas como aos produtos; e a organización das relacións entre gandeiros, industrias e distribución. Se non se afrontan, cunha acción coordinada e decidida, esas tres cuestións episodios como o actual vanse repetir de modo recurrente; e as políticas públicas seguirán limitándose a actuar de bombeiros para sofocar (ou disimular) o incendio.

Compartir el artículo

stats