Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Toyotas no deserto

O pasado xoves 1 vexo e oio a intervención na ONU do primeiro ministro de Israel; íntegro. Enfrentouse el ao mundo nun tono agresivo, violento e soberbio. Mesmo fixo públicas as insignificantes diferencias que se abren hoxe entre o seu goberno e o sempre amigo de Washington. Apelou, con voz patética, a facer memoria de todas as agresións que sofreu, no mito e na Historia o pobo de Israel.

Como eu veño de familia cristiá, estou familiarizado coa Biblia. Por iso entendín o que quería decer Netanyahu ao falar da inímiza de Babilonia polos israelitas. Tamén comprendín, por eu ser europeo e coñecer a historia do meu continente, máis ou menos, que o primeiro ministro falase de "progroms" medievais e dos horrores nazis contra os xudeos. Chamoume moito a atención que non fixera mención da fuxida de Exipto e do paso miraculoso do Mar Vermello. Coido que, neste caso, ao mesmo Netanyahu o episodio debeulle de parecer inverosímil. Dixo, sen embargo, mentiras e falou moi mal dos árabes palestinos que padecen en Israel o equivalente ao "apartheid" sudafricano e penalidades máis próximas a nós ca as que pasaron no cativerio de Babilonia os xudeos. En varios momentos, o orador, como dominado por unha paixón patriótica ou un patetismo incontrolado, calou e fixou os ollos no fondo da sala. Para a sorpresa dos asistentes á Asemblea Xeral das NN UU, Netanyahu gardou un silencio cargado de terríbel ameaza contra (fundamentalmente), os iranios. Mesmo permitiuse facer unha graza, máis ben estúpida, sobre o lixo nuclear que se oculta baixo os tapetes ou alfombras persas. Porque o interesante, para min, é que a cuase totalidade do discurso belicista do israelita estivo dirixido contra Irán e contra o trato, para el amábel, que a ese país lle dedica Obama. Pouco, ou nada dixo do Estado Islámico. Observen isto e pensen: o EI, ou ISIS ou Isil ou como se chame, nunca atacou nin fixo accións violentas contra Israel e nunca degolou un xudeo.

As caravanas de Toyotas brancos navegan o deserto en paralelo á fronteira de Israel e nunca lles disparan aos xudeos. O EI ataca preferentemente árabes laicos ou árabes cristiáns: árabes baasistas sempre. Tamén están a atacar república panárabe de Siria, onde El Asad mantén con dignidade a memoria da RAU e Nasser. Pero non fan incursións nos Altos do Golán, que, como os lectores ben saben, é un territorio sirio ocupado por Israel. Os máis agudos analistas (digamos Petras) falan dunha coalición non declarada na que entran Arabia Saudita, Qatar, Israel, e EE UU, que é a que propicia, subvenciona, alimenta e arma ao EI. Estou seguro de que a aviación rusa sabe ben contra quen dispara. Dixo Serguei Labrov que o EI intenta formar un califato que vai "de Portugal a Pakistán". Así falou o ministro ruso dos Negocios Estranxeiros en Nova York.

Compartir el artículo

stats