Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Diversidade e lingua humana

Hai unha semana e nesta mesma columna diciamos que o independentismo é unha tendencia dominante da Idade Contemporánea, cousa que explica que as nacións autodeterminadas se multipliquen diante dos nosos ollos. O cal converte a afirmación de Curros en inexacta. "Todo tende á Unidá, lei entre todas a máis ineusorabre do Progreso". O progreso, tal como se entende aquí e tal como o asume a humanidade desde o século XVIII, propende á constitución de estados independentes e estes a teren unha lingua oficial. Todas as especies animais teñen sistemas de signos aos que os individuos se comunican. A lingua da especie humana é unha soa. A lingua humana ten segundo a terminoloxía de Martinet, unha primeira e unha segunda articulación, o que lle permite comunicación infinitas.

O número de significados dunha determinada lingua humana tende ao infinito, aínda que sexa limitado, contábel e reducido o número de morfemas e o número de fonemas de que dispón. Os fonemas, os morfemas e as partes da palabra (lexemas) onde habita o significado son diferentes en cada unha das linguas. Pero todas as linguas teñen unha estructura sintáctica baseada na existencia de universais lingüísticos. Fonemas, morfemas, lexemas e sintaxe existen en todas as linguas humanas. Todas as linguas humanas teñen unha gramática, aínda que a ignore a maioranza dos falantes. Pero esta universalidade vai acompañada dunha diversidade. A Lingua Humana maniféstase en forma de milleiros de linguas humanas particulares.

Certo que a lingua serve para as personas humanas comunicárense. Pero tamén para non se entender. A maioría dos humanos só poden entenderse nunha lingua, os bilingües, e moito máis os políglotas, son minoría. Castelao dixo que os cucos e os cans cucan e ladran igual en Cambados ca en Tokio, ou cecais non o dixo así. A contundencia da observación é demoledora: Os animais están aínda na lingua universal. A lingua humana, pois, ten como unha das súas características esenciais a de ser diversa.

Non hai uniformidade na lingua humana: ela manifestase en forma de linguas. Do mesmo modo que a diversidade lingüística é connatural á Humanidade, a razón e ciencia son só unha. Non hai máis ca unha matemática, unha física, unha química. Hai milleiros de poéticas e de músicas e de formas culturais: a fórmula da ecuación de segundo grado é a mesma entre os taliban e nas aulas do instituto Santa Irene de Vigo. Como o é a fórmula da gravitación universal de Newton. Unidade, pois, do Humano e manifestación multiforme de unidade. Só as mentes primitivas consideran que a súa lingua é de natureza superior. Non existe a maldición de Babel.

Compartir el artículo

stats