Lugar de saber porque alí nese espacio, controlando sempre por onde está a saída, coa mesma claridade de como entramos, imos todas e todos polos camiños que nos explican os nosos desexos. Imos cos amores fáciles e tamén cos difíciles. Atopámonos. E alí explicámonos podendo sufrir alegremente moitas metamorfoses.Alí podemos viaxar ás orixes e coñecer segredos de todos os tamaños e de todas as formas.Alí sentimos o amor doce da lectura. Da lectura que nos busca por todos os lugares da man dos soportes que alí hai ( sobre todos os libros).Nese taller de soños, díghoche, que a lectura nola poñen doada. E nola poñen , no ler primeiro e no reler, as bibliotecarias, os bibliotecarios, as bibliocolaboradoras, os bibliocolaboradores, todo a unha oferta xenerosa, curiosa, preciosa?amorosa. In situ e on line.E é así porque alí na lectura como bomba de reparación intensa , anunciando e denunciando, escribindo e reescribindo nos nosos pensamentos, recreando e creando, na forza e sinxeleza de todo o que vivimos, debuxamos imaxes multiplicadas, portentosas ou espantosas. Sempre marabillosas.

Lugar de facer porque alí xogarás seriamente sen pretensións de lle gañar a ninguén.Sen romper con ninguén.Farás dos desexos unha necesidade interior.Buscarás sempre e moitas veces atoparás algo porque alí están os libros eses soportes inmedibles para vivir as vidas que queiramos porque cos libros teremos e notaremos presenzas, recordos e ausenzas.Cantos modos de ver? !. E sempre costa arriba ou abaixo, sen ou con freos.Como amantes. Pois cada quen é quen é? para ser mellor, para non falsear nada, pois afondamos nas nosas emocións a toda pastilla coas autoras e cos autores para vivirmos intensamente nos libros os acordes das palabras activadas polas forzas das nosas lecturas.Abrázanse os corazóns. E cantas mentiras marabillosas confesamos? !

Na biblioteca o noso mundo non se acaba.Sempre haberá unha lectura útil.Mesmo cando peches o libro na segunda páxina porque non che gusta.Pero?hai que ver como quedarán os libros logo de lelos?!

*Mestre e escritor.