Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

dende o meu sofá

Nin con iso nin sen iso

Empezo a estar canso de ter que soportar tódolos días as disputas ideolóxicas pregoadas polos altofalantes dos medios de comunicación; como se o principal problema e preocupación dos cidadáns fose este. Non será esta unha opinión máis sobre as eleccións en Cataluña nin sobre o suposto proceso de independencia que algúns din estar a levar a cabo nese lugar.

Hoxe quero que os protagonistas deste anaco de xornal sexan os muros que, aínda sendo inservibles, hai dabondo. E non me refiro aos muros fronteirizos que algúns se empeñan en construír senón a aqueles outros muros que cada un de nós fomos levantando e mantemos con absurdo esforzo e inútil tesón.

Eses muros políticos de cambadelas, mentiras, insultos e descualificacións. E os muros familiares dos que non se respectan no matrimonio ou manteñen vivas as divisións entre os que comparten o mesmo sangue. E aqueles muros dos que son incapaces de establecer unha amizade seria por medo a ser traizoados ou feridos. E os outros muros dos maiores que se convenceron de que xa non serven para nada. E eses muros que levantamos os de menor idade seguros de que antes de nós ninguén foi capaz de entender o mundo e as súas cousas. Ou aqueles muros dos que separan a ricos de pobres enchendo a aqueles, e non a estes, de dereitos, prebendas e agarimos.

Estes, os muros que nós mesmo creamos e criamos, son os que máis medo nos deberían de dar.

Quizais chegou o momento de dicir moi clariño a todos os que pretenden que pensemos e falemos do seu que o verdadeiro problema das nosas vidas non é a autodeterminación de Cataluña (sendo isto importante) se non a falta de unidade con nós mesmos e entre nós. Porque, ao que a min respecta, erguede as fronteiras e separade gobernos; nin con iso nin sen iso arranxaredes a miña vida.

Compartir el artículo

stats