Rematou. Por fin afastámonos "da festa da democracia", nome pomposo co que os políticos tentan explicarnos a nos, ós pobres cidadáns, a importancia de participar co voto na xornada electoral facendo un reducionismo cínico e histérico do que realmente é a democracia. É unha afirmación que, en moitas ocasións, traizoa o seu subconsciente: coma a nenos que hai que engaiolalos para iren o dentista contándolle aquel de que "vai a ser mais guapo e vai poder comer mais lambonadas", cando eles saben xa o intúen que iso do dentista e algo normalmente doloroso ou cando menos pouco divertido.

A vitoria de todos os partidos - todos cantan e ningún perde - e a felicitación por ir votar resúltanme cada vez mais insoportábel e noxenta. Nesta xeira o mesmo aconteceu: felicítannos a todos cando son eles os que mais se lucran do nosa vontade de mudar as cousas.

E polo fío da festa sego a miña reflexión. Populares e socialistas foron , coma sempre, os artistas convidados e bloqueiros, beiristas, progresistas e posibilistas presentábanse como teloneiros da monumental verbena celebrada o pasado día 25. As crónicas, xa as coñecen, contan que os artistas pricipais -PP e PSOE- decepcionaron ó auditorio pola baixa intensidade das súas actuacións e por interpretar os "clásicos do momento" en música enlatada, prefabricada ou play-back , que de todas as formas é coñecida. O respetabel sorprendeu, pola contra, cun aceptabel aval nas interpretacións dos teloneiros: Bloque, AGE, UPyD e Podemos obtiveron un interesante aplauso social. Apoiados os primeiros nun remake dos anos 90 , amparados os segundos nunha versión actualizado do mesmo remake, avalados os terceiros polo éxito dunha actuación do folclore catellano-manchego e impresionantes os últimos pola inesperada versión rapera e hip-hopera dun clásico de sempre. Foron os "ni-nis" de Podemos os que mais deron que falar: insultados pola metade e desexados pola outra metade aparecen no firmamento musical como novos valores que poden mudala composición do cartel na festas do 2015 e pasaren de grupo suburbano e marxinal a eixo central "dos cuarenta" (40').

Se ata aquí leron nos lle queda outra que concluír que quer o tempo quer a experiencia persoal privoume do pouco tino que nestas cousas do escribir teño e toleei de todo, todiño. Entendería que ata esa conclusión chegaran, mais, sei que algo de cordura aínda resta no miolo o comprobaren que a persoa con mais poder político e institucional de Marín, a alcaldesa de Marín, María Ramallo entendeuno coma mín e apostou por melloralo cartel para o 2015 contratando no 2014 un cartel de excepción, de glamour, un cartel que aporta un novo Panorama as festas de Marín ó par que tería que permitir asentalos Senadores como grupo histórico.

En calquera caso quédame só unha dubida: ca que está caendo, ¿Podemos?.