Para Martín Sarmiento, o país chamado Morrazo era todo aquelo que se extendía cara o Océano, entre as rías de Vigo e Marín. Insiste niso o frade no seu famoso Coloquio de Rústicos e noutros lugares da súa obra inmensa e erudita.

Cando eu era rapaz, o arcipreste do Morrazo era o cura de San Bertalomeu de Pontevedra. Para min, unha porción de Pontevedra, as parroquias de Salcedo e Lourizán, na que se inclúe Estribela, pertencen ao Morrazo. Pola súa banda, Marcón, Cotobade, Tomeza, son lingüística e culturalmente Terra de Montes. Vexo unha tendencia, moi desagradábel para min, a reducir o Morrazo aos actuais concellos de Cangas, Moaña e Bueu. Para min, e para a xeneralidade dos xeógrafos, desde Sarmiento, o territorio do Morrazo é o que se acha administrado polos municipios de Cangas, Bueu, Moaña, Marín e Vilaboa, alén das freguesías de Pontevedra antes citada.

Entre os elementos da cultura tradicional do Morrazo, o viño ocupou sempre un lugar eminentísimo. Hai moitos anos, cando a caste do albariño estaba en retroceso, ela mantíñase con moita dignidade no Morrazo. Eu lembro moi ben os bacelos de "albariñas uvas", como dicía Rosalía de Castro, dándose moi ben nas dunas altas da praia de Barra, lugar de Viñó. Nas tabernas de Nerga e o Hío bebíase aquel néctar por carolinos morraceiros, que foi unha práctica cultural indíxena moi aprezada no pasado.

Onte, e coido que tamén no noso tempo, as viñas de Marín de Riba producían un viño catalán (hoxe inxustamente desprestixiado) moi aromático, acedo e de padal moi solto. E quen ignora a existencia da tintafemia que domina as encostas, poñamos por caso, de Celane Ardán, onde tal caste convive cuns albariños que se alimentan co solpor gloriase de Ons e Cabicastro nos estíos? Efectivamente, o Morrazo foi e é terra da viños señorais, aínda que secretos e algo misteriosos.

Pena non estar vivo Xosé María Castroviejo e Blanco-Cicerón para el elevar hoxe a voz mellor modulada e máis autorizada na defensa dos viños tradicionais da Terra do Morrazo. Viño do País, que se dicía, e que este humilde cronista gulapeou admirado, poño por caso na romaría de Sanamedio ou sexa San Mamede, que cantara Joán de Cangas no século XIII.

É intre de dar os parabéns aos organizadores da III Mostra do Viño de Vilaboa, Morrazo, que se celebra nos Cobres, sitio famoso polo entroido e os furanchos. O fermoso rostro do País, que dicía Cunqueiro.