Parécenos oportuno un título coma este, tan oteriano, para falar sobre dous autores: Rosendo Díaz-Peterson e Miguel de Unamuno inda que, en principio, non haxa aparente relación entre os dous.

Con respecto a Rosendo dicir que hai xa uns anos, por esas cousas do destino -neste caso o destino asignado á súa muller funcionaria do Estado- recalou en Cangas con certo despiste e con moitas gañas de coñecer o seu novo destino. Moi pronto, cangueses acolledores e sempre curiosos, fomos sabendo que en Cangas vivía un señor que seica fora profesor nos Estados Unidos (pola forza, que é a peor das unións) e que tiña unha historia moi singular ás súas costas. Sexa polas publicacións que foi dando durante estes primeiros anos, sexa polas reportaxes que este medio foi publicando sobre a súa traxectoria, en Cangas xa tiñamos unha mellor composición de lugar, xa tiñamos mellor coñecemento de quen era o Catedrático Rosendo Díaz- Peterson. A saber: Catedrático en Literatura española, con doutoramentos tamén en Teoloxía e Socioloxía a carta de presentación antóllase inmellorable. Xunto a un currículum que non imos expoñer aquí porque sería perder todo o espazo que amablemente me cede o Faro de Vigo, tamén fomos coñecedores da súa relación cos Kennedy, entre outros presidentes como asesor en diversas administracións. Ademais, e non debemos esquecer isto, é un dos grandes especialistas na obra de Miguel de Unamuno e, sabíamos, no mundo académico, fundamentalmente entre hispanistas do mundo anglosaxón, os artigos e publicacións do Dr. Peterson son dende hai moitos anos referencia inescusable.

Con todo, hai que recoñecer que, os datos cos que ata o de agora dispoñíamos, por moi contundentes que sexan, non deixan de ser un bosquexo, unha idea para identificar a un cangués adoptivo e ben ilustre. Agora xa, por fin, co traballo do propio Rosendo e a xenerosidade da editorial Verbum podemos afondar nun deses aspectos tan comentados: os seus estudios unamunianos.

*Crítico literario.