En referencia a perigosidade da especie, da súa proximidade ás casas e xente, e o seu risco de ataques a persoas, dicir que aseveracións deste tipo desvirtuan totalmente dita realidade dado que resulta prácticamente inexistente. De feito non se sostén coa bibliografía e documentos que que tratan o tema, e nunha revisión histórica do contrastado sobre estes eventos dicir que, en todo o século pasado, contabilízanse no Estado os casos de Vimianzo 1957, e Rante Ourense 1974, correspondentes a unha descrición dos feitos baixo unhas situacións moi concretas (posible rabia no primeiro, e dunha loba parida coas crianzas no segundo) e que moi raramente se teñen demostrado para a poboación de lobo ibérico coma reproducibles. Situación infinitamente inferior ao potencial risco por trabadura ou ataques do can doméstico, que de aceptarse obrigaría directamente a reconsiderar a tenza de cans, co cal o risco non é tal, pero si moi alarmista e que moi pouco contribúe a solucionar este conflito.

Fai precisamente dúas semanas pasei unha tarde de observación de lobo cun propietario dunha representativa gandería na comarca, asediada repetidamente por este cánido salvaxe, coa fortuna de poder observar e amosarlle un exemplar subadulto despregando a súa inexperiencia, con atrevidos xogos de aprendizaxe constituídos por frustrados simulacros de ataque a un rabaño de vacas do monte vixiantes dos seus becerros. Media hora de lances, do que se podería definir coma un pastoreo lobeiro, co lobo tentando crebar o conxunto protector dos becerros: unha retagarda formada polas vacas protexendo os xatos, e outra adiantada decidida a escornar no lombo, facendo do "temible" lobo un torpe contrincante, pero nunha escena que fascinou ao gandeiro desexoso de máis acción, ao que lle tiven que recordar que eran a súas vacas e becerros, asentindo marabillado o que observaba polo telescopio e colmado de satisfacción de sentirse afortunado de asistir a un evento natural único (cada vez máis raro). Xa baixando do monte falou moito do que vira e entendeu que era o momento de afrontar a relación na coexistencia do gando co lobo doutro xeito.

No ano 1973, celebrouse en Estocolomo, a I Reunión Internacional para a Conservación do Lobo en Europa,sendo a súa principal conclusión que: "o lobo, coma todo animal salvaxe, ten o dereito de existir no seu estado natural. Este dereito non depende da súa utilidade para o Home, e deriva do que teñen tódolos seres vivos a coexistir con el coma parte integrante dos sistemas ecolóxicos".

*Biólogo lalinense.