"Se non proclamamos a Xesús Cristo, a Igrexa corre o perigo de converterse nunha ONG piadosa". Como sen dúbida recoñecerán decontado todos Vdes -sempre moi amables lectores destas crónicas semanais-, as anteriores palabras foron pronunciadas recentisimamente por Jorge Mario Bergoglio: isto é, polo cardeal arxentino que vén de acceder á "cadeira de San Pedro" como novo papa Francisco.

Desde logo, coido que nin falta fai que aclare aquí e agora o meu carácter de simple observador-comentarista da actualidade e, xa que logo, para nada experto nas sutilezas procedentes da Cidade do Vaticano. Non obstante, acontece tamén que, entre as miñas afeccións, si que está esa mesma de atender con interese as leccións da historia e, polo tanto, aquelas interpretacións que nos fornecen os investigadores e analistas do pasado. Pois ben; repasando, daquela, a magnífica "Historia de Roma" redactada por Indro Montanelli, e a propósito do triunfo do cristianismo, un non pode máis que reparar, pousar os ollos en parágrafos como os seguintes: "Debeu -o emperador Constantino- quedar moi impresionado pola decencia das súa vidas; en suma, pola revolución puritana que operaran nos costumes do Imperio. Posuían formidables cualidades de paciencia e de disciplina. - xa daquela, se había que procurar un bo escritor, un bo avogado ou un funcionario honesto e competente, era entre eles -entre os cristiáns- onde habería que buscalo (...) As revolucións triunfan non pola forza das súas ideas, senón cando son quen de constituír unha clase dirixente mellor que a anterior."

Falan/escriben "vaticanólogos" expertos, pero tamén proclamados creadores de opinión, tertulianos de postín... mesmo as nosas enxebres terminais de terminais arredor dunha "revolución" na Igrexa católica durante o pontificado de Francisco. Revolución? - de que clase? Que sorte de revolución proclaman?

Con licenza de Vdes: ascetismo, austeridade, comedimento, sinxeleza, temperanza... Antes de que as multitudes retornen ás súas casas completamente desilusionadas, toda vez que tampouco esta noite chegarán os bárbaros -xa saben os moi lidos seguidores destas liñas, tal e como no celéberrimo poema de Konstantino Kavafis: "Porque a noite cae e non chegan os bárbaros./E xente vida desde a fronteira afirma que xa non hai bárbaros./E que será agora de nós sen bárbaros?/Quizais eles fosen unha solución despois de todo."-, San Ignacio de Loiola e mais San Francisco de Asís teñen a última palabra: "perinde ad cadaver, ad maiorem Dei gloriam"; Laudato si', mi' Signore, per sora nostra matre Terra,/la quale ne sustenta et governa,/ et produce diversi fructi con coloriti flori et herba." Daquela, frente ao hedonismo e mais o materialismo rampantes, pero aínda, atención, moi singularmente diante do mesianismo bolivariano e/ou proto-incaico, Pachamama -ou o que queira que veña ser no remate de contas esoutra onírica mestura místico-socializante que fuma día si, día tamén Evo Morales- xorde a renovada mensaxe dos soldados da fe, agora en perfecta coalición con esoutros seguidores do "pobriño de Asís". Traducido: que cabe agardarmos, desde logo, un tempo en que -canto menos de palabra- asistamos a unha tolerancia cero con calquera caso de pederastia e/ou corrupción no seo da Igrexa. - tanto ten que o culpable vista o púrpura-escalata cardenacilicio: non hai lugar para el no territorio de El Señor. Unha xeira na que, de idéntico xeito, aparezan condenados ao desterro espiritual -e esperemos que tamén ao material- todos aqueles que trafican, escandalizan cos seus petos cheos dentro do templo; ao cabo, Xesús non andou con panos quentes diante dos mercaderes.

Agora ben: anúnciase ao tempo unha etapa na que, á beira de todo o anterior, á beira da simpatía, do afecto, da humildade... nada, absolutamente nada se vai ceder naquelas cuestións que a modernidade suplica: cero sobre cero canto aos dereitos dos homosexuais; cero sobre cero no tocante a mudanzas no apartado da sexualidade e da anticoncepción; cero sobre cero no referente ao sacerdocio feminino; cero sobre cero sobre o divorcio. "Carga a túa cruz ás costas e ségueme."

Revolución, daquela? Revolución de amor, cantaban os de Maná. Ghe Guevara, Nelson Mandela, John Lennon... compartían videoclip con Cristo nos concertos dos mexicanos. Créanme: eran outros tempos.