Campo do fragoso

Arriba, corazóns celestes!

Manuel Bragado

 06:40  

O serán de onte quedará na memoria, outro engrama celeste nas nosas vidas, o segundo ascenso do século XXI. É certo que o fútbol non compareceu na lameira, a pesar que o Celta foi o equipo con mellor xogo e máis goleiro de toda a categoría durante a maior parte da tempada, pero onte os afeccionados soubemos desculpar aos nosos xogadores xa que do que se trataba era de obter un puntiño da forma máis discreta posible. Os rapaces nosos nunca noutra semellante se viran, e como di a canción de Eladio como "o noso era a inxenuidade", non souberon disimular o seu nulo interese en dificultar o empate co que soñaba o Córdoba. Xa aos cinco minutos, o público, que ateigou o vello Balaídos, amosou que viña máis preparado para gozar da festa que para atender o que sucedía na lameira. A primeira onda foi inevitable para defenderse do recital de mediocampismo inane de salón de ambos os dous equipos. A pelota practicamente non saíu dos cincuenta metros centrais durante todo o partido. O espectáculo foi nefasto, case vergonzoso. Non houbo apenas xogadas que merecesen ser relatadas. O Celta non superou a liña de tres cuartos do campo andaluz até o minuto 25 do primeiro tempo. De Lucas, o noso único atacante centrou dúas veces dende a banda, cando non había na área ningún xogador noso para rematar. No minuto 37, Oubiña picou dende o seu campo un globo que chegou ao porteiro do Córdoba, nunha das poucas intervencións que puidemos contabilizar. Así rematou a unha primeira parte da nada, nada que temer para os celtistas. Non mudou o panorama na segunda, onde a bancada apenas tiña o aliciente de lembrar a mala sorte que persegue a Miroslav Djukic, o adestrador do Valladolid de corazón deportivista, ou entoar con moita prudencia, xa cando apenas faltaban quince minutos, "A rianxeira". Así somos de prudentes os celtistas, xente paciente até o lirismo, educada agardando polo ano que vén, intentándoo cada tempada con azos renovados. Esa actitude de ferro foi a que nos permitiu resistir estas cinco durísimas tempadas en Segunda, unha división máis igualada e emocionante ca Primeira, a pesar de que nalgún momento deste lustro estivemos pendurados do arame, unidos apenas por un fío de seda ao territorio da desolación. Esa madurez é a que permite comprender a actitude diletante do noso equipo e desculpalo por ofrecer un espectáculo escasamente edificante, dos que non fan afección, un xogo que nada tivo que ver con aqueloutro vibrante, marabilloso, afouto, ofrecido no encontro anterior co Xerez, no que realmente se forxou o derradeiro treito deste grande ascenso. O desta tempada foi un éxito rotundo dun equipo de espírito atlántico, o máis galego que lembramos en décadas. Este ascenso é o triunfo do traballo calado e paciente da canteira da Madroa, da xente da casa, da madurez dunha xeración de futbolistas novos capaces de enfrontarse co futuro confiando nas propias forzas. O ascenso é froito do traballo de dous anos de Paco Herrera, un adestrador honesto que co seu compromiso se foi gañando xornada a xornada o agarimo dos afeccionados. Un míster sincero, que nunca intentou enganar a ninguén, que recoñeceu as dificultades e sinalou con determinación o obxectivo de gañar todos os dez últimos partidos, capaz de recoñecer que durante a última semana "a súa cabeza non parara", un fermoso xeito de identificarse con cada un dos seareiros celestes. Un ascenso que, tamén, é froito do traballo social do club e do presidente Mouriño, que merece os maiores parabéns. Mais e sobre todo, este ascenso é froito en boa medida da actitude dunha afección teimosa que nunca desistiu, o activo máis importante cara o futuro. Este ascenso, en definitiva, é unha proeza colectiva dun club con raíces ben chantadas na súa cidade, na terra dos galegos, mais capaz de tecer unha rede celtista de simpatía no mundo, nesa diáspora celeste que con certeza vibrou onte en Internet a lume de biqueira, como logo lembraron os compoñentes de "A Roda" e o marabilloso Gonzo. Coa bandeira celeste no aire, por sempre, Celta! Arriba, corazóns celestes!
bretemas@gmail.com

  HEMEROTECA
Caja Negra        O Bichero         Floreano
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya