EN DIRECTO
Campo de Granada

Poeta Ramiro Fonte

Manuel Bragado

 

O auditorio do Museo do Mar de Alcabre quedou pequeno para acoller a todas as persoas que quixeron render homenaxe ao poeta Ramiro Fonte con motivo do primeiro cabodano do seu pasamento. A presentación dos seus dous derradeiros poemarios, “Xardín do pasatempo” (Tambre 2008) e “Reversos” (Xerais 2008), e dunha obra colectiva, “Para Ramiro Fonte. Libro dos amigos”, na que se reúnen fotografías, traballos biográficos de homenaxe e poemas elexíacos, supuxeron unha magnífica oportunidade para volver sobre unha das voces fundamentais da poesía galega do último medio século e un dos máis destacados escritores vigueses de todos os tempos.

En toda a súa obra poética, dende os seus primeiros libros “As cidades da nada” (1983) e “Designium” (1984) até os dous publicados no ano do seu falecemento, Ramiro Fonte tratou de reflexionar, explicar e comprender a esencia da condición humana e o paso do tempo (“Fixo ben o traballo a man do tempo / Nas portas deses vellos almacéns”). Convencido como estaba Ramiro da necesidade de instalar a intimidade das palabras do poeta no mundo da vida (gostaba lembrar a sentencia de Nerval: “A vida do poeta é a de todos os homes”), foron as súas preocupacións temáticas primeiras: o curso irreversible do tempo, o valor permanente da infancia netamente recuperada, a perda e despedida da mocidade, as formas do rito do recordo, o amor e a amizade. Singularmente importante para el era o cultivo da amizade, ese espazo dos afectos onde se cruzan os eixes da vida e do tempo, ese espazo de humanidade compartida que recuperou da memoria o seu amigo Pere Rovira en tres versos memorables: “Quédannos as conversas, o teu don / de preguntar á vida, coa ironía a punto, / e o humor tan melancólico que tapa olladas negras”.

Nacido en Pontedeume, vila á que lle dedicou “Vidas de infancia” –a súa triloxía novelística, un fresco monumental de memoria persoal e colectiva que sabemos será valorado no futuro como un dos fitos da narrativa galega–, Ramiro Fonte tivo interese especial por abordar no seu oficio das palabras os espazos marítimos, as embarcacións, os guindastres, os norais e, en xeral, as cidades portuarias onde escolleu gozar da experiencia de inventar a vida: Vigo onde se asentou dende comezos dos anos oitenta con Elsa, a súa compañeira, e onde traballou como profesor do Instituto do Calvario; Londres, onde exerceu durante uns cursos como profesor do colexio español; e Lisboa, onde traballou os seus últimos anos como director do Instituto Cervantes. En todas estas cidades, o noso poeta, que prefería a ética do artesán humilde ao ego megalómano do artista, converteuse nun “voyeur” ou cazador urbano na procura da beleza das cousas máis simples (“os azares simétricos das urbes” nos versos que lle dedicou o seu inseparable Ignacio Chao), dos momentos máis fugaces ou desas historias humildes e cotiáns de cidadáns anónimos que se descubren ruando e que logo narraba con ironía e fidelidade nos seus poemas rimados.

Poeta clásico nas formas (gustaba da rima, posición heterodoxa entre os nosos poetas contemporáneos), Ramiro Fonte foi profundamente moderno nos contidos, en especial polo seu interese por atopar o adn do universal na mirada sobre os espazos locais. Entre a vizosa obra fonteana, singularmente evocador para os vigueses é “A rocha dos proscritos” (Xerais 2005), un libro de libros no que Ramiro recolleu unha década de produción poética complementaria na que pretendía demostrar a simetría existente entre clasicismo e modernidade e onde, ademais, incluíu un libro inédito “O pasaxeiro inmóbil”, no que abordaba a súa experiencia londiniense e retrataba moitos espazos e amigos vigueses. Sexa baixo a denominación de “Daguerrotipos” ou de “Cronos no Casco Vello”, o poeta do Areal achega pezas memorables para percorrer devagariño a cidade de sal, dende as rúas altas do Calvario a esoutras alfombradas de carriza na cidade vella, compañeira. Ramiro retrata a travesía da Esperanza, a rúa de Santiago , a Ferrería naquel abril de 1974, as almas perdidas, os hoteis perdidos do perfil marítimo, os traballos na Ribeira, ás páxinas do “Faro de Vigo” ou as tascas coma o Grial na Porta de Gamboa onde se alicerza a amizade.

Lembrar hoxe a Ramiro non é un exercicio de saudade. Constitúe unha reivindicación necesaria do recoñecemento cívico do papel que desempeñan os poetas na súa comunidade. Os poetas que, como lle prestaba dicir a Fonte, axitan as bandeiras do corsario, que non son outras que as que moven a liberdade, a rebeldía ou a independencia. Fonte axitou durante a súa vida de escritor esta bandeira rebelde do poeta. Ben sería que Vigo, a cidade portuaria na que viviu durante tres décadas, recoñecese este seu labor de civilidade lembrándoo co nome dunha rúa ou dunha praza “Poeta Ramiro Fonte”.

bretemas@gmail.com

  HEMEROTECA
Caja Negra        O Bichero         Floreano
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya