Segunda Feira

Bonaval

X. L. Méndez Ferrín

 22:33  

Visitamos o Museo do Pobo Galego de Bonaval. Carlos García Martínez, ánima férrea da institución, foinos ensinando as salas nas que se gardan os arquivos e as bibliotecas de Antonio Fraguas, de Xaquín Lourenzo, de Taboada Chivite e, en parte, de Fermín Bouza Brey. Persoas, todas elas, dedicadas a coñecer a cultura e tradicións do pobo galego que lle legaron o seu expolio ao Museo e á posteridade.

Impresiona o Museo do Pobo Galego no seu conxunto excelentemente instalado no mosteiro dominicano cuxa fundación ou sagrazón de 1230 cantara precisamente Bernal de Bonaval, o trovador compostelán.

Tras duns seiscentos anos de dominio monástico, o liberalismo burgués do século XIX expulsou de Santa María de Bonaval os frades que aquí mandara asentar San Domingos. Hoxe, entre aqueles muros garda a memoria nacional-popular o Museo de Pobo Galego. No que fora cemiterio romántico (aló está a cova de Aurelio Aguirre) hai agora un precioso parque público. Baixo a cruzaría gótico-mendicante de Bonaval instalarase o panteón de homes e mulleres ilustres de Galicia. Non hai letreiro ningún que, coma no Pantheón de París rece algo así como A PATRIA AGRADECIDA ("LA PATRIE RECONNAISSANTE"). Sen embargo os xacigos de Rosalía e de Castelao enchen de sentido nacional aquel espazo.

Grazas á secularización e exclaustración do goberno Mendizábal os conventos de Compostela pasaron a poder das institucións civís. A universidade e o concello saíron beneficiados e a cidade clerical por excelencia convertiuse en centro de ciencia e de cultura laicas. O antigo templo retirado do culto, como panteón de galegos ilustres nunca funcionou de modo satisfactorio. Pondal e outros grandes vultos xacen no belísimo cemiterio mariño da Coruña: San Amaro. Grandes homes e mulleres de Galicia terminaron enterrados en moi diversos lugares da nosa xeografía. Nunca houbo un regulamento protocolario do panteón de Bonaval, o que ocasionou que acollese restos de individuos de importancia menor. Chegou a usarse Bonaval mesmo para desfiles de modas.

Foi precisamente tal desfile o pretexto que aproveitou o Arcebispo de Santiago para pleitear pola recuperación de Santa María de Bonaval. Todo este escuro asunto nunca foi explicado debidamente. Pro parece ser que a mitra compostelá reclamou perante os tribunais a igrexa que acolle o panteón de galegos ilustres, e os xuíces fallaron favorabelmente. O cal constitúe unha burla histórica. A desposuída no século XIX foi a comunidade de Bonaval ou, se se quer, a orde relixiosa dos dominicanos ou dominicos. O Arcebispo nunca posuíu Bonaval e sen embargo os xuíces parece que llo adxudicaron. Un espazo de dominio público e, ademais, cargado de simbolismo nacional pasou diante dos nosos ollos a mans eclesiásticas ás que nunca pertencera e ninguén dixo nin fixo nada sobre tal asunto.

Visitamos dúas exposicións en Bonaval, nos claustros que hoxe ocupa o Museo do Pobo Galego. Unha, a colección de adiviñas e os traballos manuais que recolleron e procesaron os nenos do Colexio Público Cristina de Carballo. Outra, a mostra Ceibes no Monte na que traballaron os profesores e alumnos do Instituto Terra de Turonio, de Gondomar. Esta última versa sobre os bestas ceibes nos montañas do Sul de Galicia, especialmente nas do concellos de Gondomar. Coido que o Museo do Pobo Galego é a primeira vez que se abre á dimensión ecuestre da nosa cultura popular.

  HEMEROTECA
Caja Negra        O Bichero         Floreano
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya