farodevigo.es » Opinión
 Noticia anterior   Noticia siguiente 
De Bolina

España chupa-chups

Xosé Ramón Pena

 21:09  
Enviar
Imprimir
Aumentar el texto
Reducir el texto

Al señor Rajoy sólo le interesan las chuches". Ben sei; ben sei que un bo número de Vdes. anda a tomar a cousa a broma, a facer grazas, chanzas e ocorrencias mil, improvisando rillotadas, argallando toda sorte de cachondeos e cuchufletas –permitan que o cronista acuda á moi demodé, e simpática, expresión de cando os tebeos aínda non deviran en cómics- e, en fin, maquinando puras e duras brincadeiras sobre a cuestión. Claro; claro é que lle consta, igualmente, a este modesto cronista que os que de tal xeito se conducen veñen resultar devotos siareiros dese club dedicado á máis alta filosofía transcendental, á física, metafísica e patafísica, presidido pola nova luminaria de Occidente e parte de España e prazas de soberanía adxuntas e que atende por Leire Pajín Iraola, secretaria de Estado, de Cooperación Internacional, de... en fin, secretaria, vaia.
E vale; de acordo tamén en que D. Mariano Rajoy Brey, no tocante a elocuencia e fluidez, se asemelle demasiadas veces a un Demóstenes sen domesticar e que, xa situados na historia da política patria, moi xustamente se puidese dispoñer, como ministro de calquera cousa, nun goberno presidido por García Prieto, Sagasta, Eduardo Dato.... que sei eu?, poñamos que o conde de Romanones. Agora ben; dicían/escribían en tempos aquilo de que "lo cortés no quita lo valiente", "al pan, pan y al vino, vino", "las cosas claras y el chocolate espeso" e non sei cantas carrozadas máis. Traducido: que, a pesar de confudir o xénero do vocábulo en cervantino castelán –xa saben os lectores: "los chuches" por "las chuches"-, D. Mariano non deixa de ter a súa razón: a subida do Iva para toda sorte de piruletas, lambonadas, "gusanitos", chicles, "filipinos"... lambetadas e larpeiradas varias pode resultar, alén dunha traxedia sen remedio nas portas de garderías e colexios, a pinga que derrame o vaso, a estocada final, o golpe definitivo que leve ao goberno presidido polo mago –mago torpe- ZP cara á desfeita final.
Contemplen, se tal non é, o que pode acontecer, sen ir máis lonxe, coa primeira familia deste país. Velaí, dunha parte, que sobe polas nubes o prezo dos chupa-chups, supetamente máis caros que un barril de cru Brent. Ao tempo, e procurando dar cumprido exemplo en tempos de crise, a Casa Real ve como a súa asignación se conxela sen remedio. Como cren Vdes. que van reaccionar Dna. Leonor e mais Dna. Sofía de Borbón y Ortiz cando os seus pais, e sobre todo os avós, lles comuniquen que, debido á nova conxuntura, terán que reducir drasticamente o consumo de lambetadas? Nin ordes do dentista, nin Ratoncito Pérez, nin farrapos de gaita: coñecida o inesgotable fondo de berros, pataletas e demais que atesoura a cativada, a cousa é como para botarse a tremer. E non digamos nada xa se os seus curmáns Felipe Juan, Victoria Federica, Juan Valentín, Pablo Nicolás... van e deciden organizar un coro de protesta! Ademais, tras deles, pode acudir o resto da nobreza –oficial e/ou laica-, coa princesa Belén (Esteban) e a infanta Andreíta á frente aguilloando ás masas desde as pantallas televisivas. Daquela, será caída do goberno, primeiro; pero a revolución, decontado... en fin, a ruína das institucións, a rotura en anacos de España! "O meu reino, o meu reino por un cabalo!", fíxolle dicir Shakespeare a Ricardo III no medio e medio do campo de batalla. "O meu goberno, o meu goberno por un chupa-chups!": que ande con coidado José Luis e entenda que se non se pode xogar coas cousas de comer, moito menos coas de chupar e gustar.
"De todo iso, os únicos que se verán libres serán, como sempre, os ricos" –retrucarán algúns-. "Por exemplo, o tal José Ignacio Goirigolzarri, o do BBV, pouco se ten que preocupar!" Pois non o coiden Vdes. A ver: a simple vista, 3 millóns de euros ao ano de pensión si que parece unha cantidade bonita, mesmo redonda. Pero se paran un momento e fan cálculos... vale que as viaxes a Benidorm sempre as poida facer nos autobuses do Inserso e que lle fagan descontos en museos e mais na matrícula de cursiños de punto e/ou cociña; porén, se o novo membro do club dos xubiletas ten unha boa colección de netos –ou de sobriños pequechos, a xulgar pola idade que vén de cumprir- apenas si que lles poderá regalar un chupa-chups a cada un deles. "A ver; ide lambendo por turnos, non sexades larpeiros nin avariciosos" "Un chupa-chups para lamber a medias! Moitas grazas tío Nacho! Que sorte, chaval!, como mola termos un tío rico na familia!

COMPARTIR
 
  HEMEROTECA
  Encuestas de actualidad
¿Considera que debe ampliarse la dotación judicial en Vigo para evitar los atascos de sentencias?
  Sí
  No
Votar »
 
RESULTADOS ACTUALES
91%
No 9%
   
¿Debe compensar el Concello al pequeño comercio afectado por las obras de humanización?
  Sí
  No
Votar »
 
RESULTADOS ACTUALES
50%
No 50%
 
Ver más encuestas »
  CONÓZCANOS:  CONTACTO |  FARO DE VIGO |  LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES |  CLUB FARO DE VIGO     PUBLICIDAD:  TARIFAS |  CONTRATAR  
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad 2009