farodevigo.es » Opinión
 Noticia anterior   Noticia siguiente 
Os camiños da vida

En defensa da ría de Vigo

X.L. Méndez Ferrín

 02:35  
Enviar
Imprimir
Aumentar el texto
Reducir el texto

Sendo eu neno fun levado á fábrica de conservas de Massó, Cangas, para unha visita escolar. A factoría pareceume inmensa e a sensación de orde, disciplina, limpeza, racionalidade, produciume un forte impacto. Admiroume saber que, alén da fábrica, Massó era casa armadora dunha enorme frota de pareghas e de bous de ferro que ían e viñan permanentemente de Cangas ao Grand Sole de Irlanda. Alí traballaban milleiros de persoas. O noso guía ponderou as belas proporcións das casas dos cadros administrativos e o Kindergarten no que xogaban felices os meniños das obreiras pulcras uniformadas, que eran lexión. A torre e a cheminé da factoría parecéronme de dimensións colosais. Ouvín decer moitas veces, a partir daquela miña visita infantil, que a de Massó en Cangas era a máis importante e moderna fábrica de conservas de peixe de Europa e do Mundo. Sempre que navegamos a ría de Vigo ollamos cara o Salgueirón, cara Balea, e alí a está ela: a fábrica de Massó.
Esoutro sábado estivemos en Cangas para apoiar a confraría de pescadores, o Foro Social e a ACE na defensa do mar e dos intereses populares contra a barbarie capitalista e predadora. O que era miniño é agora un vellote, ou sexa eu. Volvín estar na fábrica de Massó e o que fora esplendor é patética decadencia. Onde se traballaba e se producía en masa, a penas uns despoxos. A sombra do pasado estremece a alma. No alto dun arcolito do parque que tamén era Massó, unha enorme pancarta contra a especulación inmobiliaria e contra a represión policiaca dos veciños mobilizados. Non hai vidros enteiros. Os tellados afúndense. "Estos, Fabio, ay dolor/ que ves ahora,/ campos de soledad triste collado/ fueron otrora Itálica famosa". Non sei sei cantaba exactamente así o clásico catalán.
O caso é que a fábrica de Massó hoxe mete medo. Os seus donos retíranse da industria e entregan os inmensos espazos territoriais ao negocio inmobiliario. Este leva o nome (directamente importado de California) de Marina Atlántica. O proxecto é encargado a un arquitecto de fachada cuxo nome, coido que Forster, unido á operación terá un efecto que en Cangas chaman engado. Da fabricación, da industria, do que hoxe chaman innovación, pasamos á vulgaridade da especulación inmobiliaria que tanto contribuiu a que esteamos onde estamos. Finalmente, Marina Atlántica externalizará a súa operación conseguindo que os poderes públicos lancen sobre a ría unha nova ponte que multiplique os beneficios. Niso pensan.
E para que o negocio poida ser redondo e plenamente californiano, Marina Atlántica precisa dun porto deportivo. Apresuradamente a autoridade portuaria de Vigo, en mans de Corina Porro e do PP, concede autorización para que o capital ocupe, máis unha vez, os fondos da ría de Vigo, que son propiedade do pobo galego. Unha enorme extensión de fondos mariños, que dan de comer a moitedume de familias de mariñeiros, serán extinguidos polos bloques de betón. A vida retirarase, mais unha vez, da ría. A ría farase aínda máis pequena. A riqueza dividida harmoniosamente e de xeito renovado e permanente entre os mariñeiros concentrarase nas mans mortas dos novos colonos.
E así están as cousas. Dunha banda os partidos políticos de Cangas e Galicia que, en graus diferentes, apoian ou aceptan a invasión colonial que pretende Marina Atlántica: PP, PSOE, BNG. Na resistencia ao abuso e ao roubo do dominio público figuran a Confraría de Pescadores, O Foro Social de Cangas, os partidos de ACE e os concelleiros incorrutibles Pazos, Maruchi e Abalo. Naturalmente, a presente columna sae á luz para, na súa humildade, darlle forza a estes últimos.

COMPARTIR
 
  HEMEROTECA
  Encuestas de actualidad
¿Considera que debe ampliarse la dotación judicial en Vigo para evitar los atascos de sentencias?
  Sí
  No
Votar »
 
RESULTADOS ACTUALES
91%
No 9%
   
¿Debe compensar el Concello al pequeño comercio afectado por las obras de humanización?
  Sí
  No
Votar »
 
RESULTADOS ACTUALES
50%
No 50%
 
Ver más encuestas »
  CONÓZCANOS:  CONTACTO |  FARO DE VIGO |  LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES |  CLUB FARO DE VIGO     PUBLICIDAD:  TARIFAS |  CONTRATAR  
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad 2009