O 10 de decembro de 1948, preto da media noite, no Palacio Chaillot de París era proclamada de forma solemne a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, a resolución 217 da Asemblea Xeral das Nacións Unidas. Esta efeméride foi conmemorada en diversas cidades do mundo por institucións e asociacións coa lectura pública do texto desta construción socio-cultural, probablemente a máis importante das realizadas polo ser humano. En Vigo fixérono dez estudantes de bacharelato nun acto cívico, organizado pola concellaría de Educación, o grupo Educadores pola Paz de Nova Escola Galega e Edicións Xerais de Galicia no Auditorio do Centro Cultural Caixanova, no que, ademais, se presentou o volume "Literatura Galega pola Paz" que pecha a triloxía Educación e Paz, coordinada por Xesús R. Jares, o promotor da Educación para a Paz falecido o pasado 27 de setembro, a quen se lle rendeu lembranza agradecida.

A lectura dos trinta artigos da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, considerada por Xesús R. Jares como a catedral laica máis fermosa das relacións sociais, un patrimonio da humanidade, amosa tanto a enorme vixencia dun documento, aprobado tras o estremecemento producido por dúas guerras mundiais, cando estaban abertas as feridas do nazismo e tomaba corpo a dinámica da guerra fría, como pon en evidencia o continuo e sistemático conculcamento ao que foron sometidos os dereitos e liberdades nela proclamados. Magoadamente a historia dos dereitos humanos é tamén a historia das súas continuas violacións.

Indigna que, despois de transcorridos sesenta anos, máis de dous terzos dos seres humanos non teñan garantidos os mínimos de vida digna (no referido a alimentación, saúde, educación, vivenda?) que se recollen e proclaman no Declaración. Causa pavor que a pesar de que o documento expresase como un dos seus obxectivos "liberar aos individuos da crueldade dos estados", aínda sexan máis de oitenta os estados que admiten a pena de morte para os delitos comúns e fosen executadas, o pasado ano, máis de mil cincocentas persoas. Arroiba que cada dezaoito segundos unha muller sexa maltratada no mundo e o terrorismo machista asasine cada ano en España a máis dun cento de mulleres. É inadmisible que os países do primeiro mundo, alí onde aseñorean os principios do capitalismo impaciente, se establezan leis de defensa da democracia que permiten vergonzas como as do centro de Guantánamo ou persecucións discriminatorias como as acometidas polo Tribunal da Haia, mentres continentes como África se desangran pola pandemia da SIDA e das súas guerras ocultas.

Sesenta anos despois, recuperar os ideais proclamados nesta Declaración constitúe un reto que a humanidade debe enfrontar no futuro inmediato. E nesa conquista, xunto a medidas económicas, sociais e políticas, a contribución da educación é decisiva, xa que os estados, as nacións contan cos seus sistemas educativos como o primeiro dos medios para desenvolver estes dereitos e liberdades, asegurar as súas garantías e aplicación universais. Así o sinalaba, Xesús R. Jares: "o papel da educación debe supoñer un proxecto pedagóxico integrado que incite a vivir e a gozar os dereitos humanos, pero tamén a fomentar un estado de opinión que leve a pensar que calquera violación destes en calquera lugar do mundo non nos pode resultar allea e que, por conseguinte, a responsabilidade de evitalo a todos e todas nos incumbe". Así tamén o recorda o preámbulo do propio documento no seu parágrafo final: "a presente Declaración Universal dos Dereitos da Persoa é un ideal común polo que todos os pobos e nacións se deben esforzar, para que tanto os individuos como as institucións, inspirándose constantemente nela, promovan, mediante o ensino e a educación, o respecto a estes dereitos e liberdades, e aseguren, por medidas progresivas de carácter nacional e internacional, o seu recoñecemento e aplicación universais".

Despois de sesenta anos, continúan plenamente vixentes as palabras pronunciadas por Jaime Torres Bodet, daquela director xeral da UNESCO, no momento da aprobación da Declaración: "Mentres se poida violar impunemente un só dos dereitos dun só dos homes, a Declaración das Nacións Unidas acusaranos a todos de covardía, de lentitude, de preguiza; lembraranos que estamos faltos de humanidade. Mentres a maior parte do xénero humano viva na fame e na inxustiza, para morrer na miseria e na ignorancia, o documento que ten sido adoptado en París continuará presentándose diante nosa como un obxectivo aínda lonxano".

Difundir nas novas xeracións os contidos da Declaración e inculcar na cidadanía mundial unha actitude activa, tanto na súa aplicación real como na denuncia das súas violacións, é unha responsabilidade cívica que non podemos eludir. Eis a importancia deste sesenta aniversario dos Dereitos Humanos.

bretemas@gmail.com