Os murais do Faro

Manuel Bragado

 

É preciosa a exposición de murais do Faro instalada na Estación Marítima. As vinte e oito pezas de azulexos esmaltados de carácter publicitario, que decoraron durante cincuenta anos a pasaxe de "Faro de Vigo" na rúa Colón 28-30, constitúen, ademais dunha mostra única do cartelismo comercial da segunda década do século pasado, unha viaxe moi ilustrativa pola memoria dunha cidade emerxente na que comezaban a circular os primeiros tranvías, a instalarse as industrias conserveiras e os estaleiros de Coia, a consolidarse o primeiro porto de pasaxeiros de España ou a construír grandes edificios pétreos no seu Ensanche...
Estes mosaicos, agora restaurados e recuperados polos responsables do noso xornal decano, foron instalados entre os anos 1913 e 1914 na chamada "pasaxe do Faro", un antigo camiño de carruaxes que daba acceso a un edificio noble, a "Casa de Faro", obra do arquitecto Jenaro de Lafuente, inaugurado o 8 de setembro de 1912, sendo director do periódico Eladio de Lema Martín, que ocuparía esta responsabilidade durante case cincuenta anos. Aquela calella cuberta, de apenas tres metros de ancho, que dende Colón daba acceso á redacción e aos talleres, converteuse nun dos lugares máis frecuentados da cidade, nun punto de encontro onde os vigueses acudían a coñecer as últimas noticias publicadas nas súas pizarras. Foi nese espazo cidadán, tan emblemático, onde se foron instalando mosaicos de azulexos, fabricados en Bruxelas pola empresa Monbell Basart and Fils, que reproducían algúns dos anuncios publicitarios máis habituais nas páxinas do periódico.
A exposición destes murais-anuncio, de forte pegada evocadora, preparouse arredor de tres eixos temáticos. No primeiro, o das augas minerais e hoteis balnearios para curas de "aire, luz e repouso", preséntanse pezas de estética modernista e formas naturalistas, como as de Augas de Mondariz (con especial atención a publicitar as estancias no formidable "Gran Hotel Balneario), Augas de Cabreiroá de Verín (de forte simbolismo, non exento de ironía), Augas de Lérez (do balneario situado en Monteporreiro), Augas de Vilaza (de "eficacia probada nos catarros gástricos intestinais"), Termas de Cuntis ou o Hotel Sanatorio Lluria do castelo de Soutomaior.
No segundo, o das empresas navieiras, inclúense as pezas que anunciaban as viaxes trasatlánticas regulares dende o porto de Vigo cara a destinos americanos como Rio de Janeiro, Santos, Pernambuco, Montevideo, Buenos Aires, Cuba, México ou Nova York ou os procedente de portos europeos como Londres ou Liverpool. Estes mosaicos das navieiras e consignatarias (como as de Nelson Lines, ou Estanislao Durán), quizais os de maior impacto visual da mostra, amosan a profunda pegada da estética do Modernismo sobre este cartelismo publicitario vigués (na súa maior parte creado por autores anónimos), ao tempo que constitúen un testemuño estremecedor da epopea migratoria protagonizada dende o noso porto (máis de cincuenta mil persoas saíron de alí no ano 1914). Cada un destes mosaicos vai na exposición acompañado dun relato que o visitante non debe deixar de ler. Así nos anuncios da "Compagnie Generale Trasatlantique" indicábase como "nota moi importante" o seguinte: "Non poderán embarcar: os tolos, idiotas, vagamundos (sic), e criminais; nin os enfermos de alopecia, nin os da vista; nin os tísicos ou de aspecto enfermizo; nin os que padezan algún defecto físico, como os mancos, coxos, etc.".
Por último, no cuarto eixo da exposición, agrúpanse os carteis publicitario que anuncian diversos produtos industriais e servizos educativos dispoñibles naquel Vigo de preguerra. Estas son as pezas do Colexio Cívico Militar de María Auxiliadora (daquela aínda non existía ningún instituto na cidade), da Academia Minerva (de "comercio e idiomas"), a ferraxaría de Cayetano Bernárdez, os cafés de Torrefacción Campinas Sao Paulo, os do Garaxe Neira (para min a mellor da mostra, sobre todo pola utilización anticipatoria de cores planas e dunha ilustración de aire Art Nouveau), do xabrón "A Toxa", do anís "La Asturiana" ou do Bar Bandeira (situado na rúa Velázquez Moreno, onde se atopa hoxe o fermoso comercio de instrumentos musicais de "Manrique Villanueva", entón enfronte do edificio do Cable Inglés (hoxe Centro Sociocultural de Caixanova).
Alén da súa beleza, luminosidade, eficacia comunicativa e o seu indubidable valor artístico (ensarillado na tradición modernista das grandes cidades europeas do seu tempo, cun coidadísimo traballo tipográfico e da cor, imposible de conseguir, entón, nos medios impresos), estes murais supoñen unha interesantísima lección sobre a nosa historia local. Os nosos parabéns para os seus promotores, Faro de Vigo, Ecovigo, Caixanova e a Alcadía de Vigo.
bretemas@gmail.com

  HEMEROTECA
Caja Negra        O Bichero         Floreano
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya