Sempre se dixo que a vitoria ten cen pais e a derrota é orfa, pero poucas veces con tanta exactitude como nas eleccións dos EEUU. En España, ese sitio onde nunca ningún partido perde unha elección, porque sempre hai un referente a man sobre o que se mellora, o presidente electo logrou concitar o consenso alborozado de todos os que o resto do ano andan como o can e o gato. Unha mención de Obama -xa non digo unha foto- faría feliz a calquera político, e polo mesmo, xa hai quen se refocila co dato de que a primeira rolda de chamadas que fixo o aínda non estreado presidente norteamericano ós outros (pero menos) líderes mundiais non incluíra a Zapatero. A ver canto dura todo.

Eu, desde logo, non teño tempo material para ler, escoitar e ver todo o que se conta sobre as eleccións nos USA. Mesmo compadezo ós servicios de prensa da embaixada estadounidense en Madrid se teñen que compilar o material (se o fan a eito, figurará tamén esta columna, así que: ánimo compañeiros!). Sen desexo ningún de interromper a lúa de mel de albricias e pantrigo do momento histórico que vivimos, ou como diría un amigo meu, a risco de ser repunante, non podo evitar erguer o dedo para sinalar uns detalles de nada. O primeiro é que, efectivamente, esta foi unha elección histórica: vai ser o primeiro presidente non branco que ocupa a Casa Branca, pero fóra diso, as dúas anteriores, as que ganou George W. Bush, tiveron bastante máis de enfrontamento ideolóxico. O fillo de Bush I (que pasará a historia como Bush o Bo, e non por méritos propios) foi torpe, pailán, vil e caradura ata o extremo que eu votaría a Margaret Thatcher si se presentara contra el. Estou perfectamente seguro de que pasará á historia como un dos peores presidentes estadounidenses, e a súa etapa podíase dar xa como enterrada aínda que ganase McCain. Desta vez, ata os republicanos redondos preferían xustificar o seu voto baseándose en que o candidato demócrata era comunista e/ou terrorista que en reclamar a herdanza de Bush II o Malo.

O segundo é que, sen quitarlle historicidade/modernidade ó momento, a victoria de Barak Obama non foi unha victoria gracias a internet: a mobilización, social e económica, ó seu favor fíxose por ese medio porque é o que hai. A chea de xente allea ó sistema partidario que confiou nel aproveitou as vantaxes da rede, non é que el a utilizase mellor que o seus rivais -primeiro Hillary Clinton, logo John McCain-. Con todo, o máis pavero son as reaccións na casa. Nesta, non na Branca. Quen quedou derrotado non foi un heroe de guerra vellote, con certa sona de ter criterio propio (cousa que en política se adoita ver como algo positivo, ignoro por que), que tivo o erro de escoller como parella de baile a unha paleta con máis cara que cerebro. O que os electores norteamericanos escolleron arrombar foi unha política exterior de "quítame a palla do ombreiro se es home" e unha política interior de intervir na economía soamente en casos de facerlle favores ós amigos. Así que non deixa de ter gracia a chea de devotos que aquí e alí lle saíron a San Obama despois de toda a vida -política- de defender exactamente o contrario.