EN DIRECTO:

Irmandade xurídica galega

 

XOSÉ GONZÁLEZ MARTÍNEZ

Hai ben anos que a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística vén preocupándose polo desenvolvemente de accións e iniciativas para normalizar a lingua galega nos usos xurídicos. O Parlamento Galego foi o destinatario das máis delas. Isto vén acontecendo ininterrompidamente desde 1983. Traducións dos textos legais á nosa lingua- códigos Penal e Civi; creación da sección de linguaxe xurídica e administrativa no Instituto da Lingua Galega; publicación do primeiro manual do notariado; xornadas e congresos nos que participaron as asociacións profesionais do Dereito e, nomeadamente, da xudicatura. Foron algunhas das moitas propostas nas que vimos traballando desde entón. Sen esquecermos que os gabinetes de traducións do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e das catro audiencias provinciais son tamén parte da ristra de conquistas acadadas por nós nun ámbito de escasa receptividade a este discurso.
O ordenamento xurídico que regulaba o uso da lingua galega na Administración de Xustiza -tanto as normas estatais como as autonómicas- deixa a porta entornada para que a lingua galega poida entrar en ámbitos vedados desde hai catro séculos. Sen embargo a cidadanía, en xeral, e os operadores xurídicos, en particular, non fan uso das posibilidades da legalidade vixente ao non invocaren o dereito establecido no artigo 7.3. da Lei de Normalización Lingüística para demandaren dos tribunais que as resolucións xudiciais que lles afectan sexan ditadas na nosa lingua. Xurisdicións como a laboral e contencioso-administrativo, por exemplo, tan frecuentadas polas asesorías xurídicas dos sindicatos e institucións públicas, poderían presentar un balance de uso do galego case total. Sen embargo, polo non exercicio dese dereito, o resultado é cativo. Isto mesmo acontece nas notarías, onde a demanda do uso da lingua por parte dos usuarios destes servizos públicos é insignificante porcentualmente. Curioso, sendo como somos un País de pequenos propietarios, que maioritariamente teñen como lingua propia a galega.
É certo que a nai do año desta contradición e disfunción está na incompleta formación dos xuristas. As facultades de dereito e escolas de prácticas xurídícas non se teñen preocupado do establecemento de asignaturas optativas ou da organización de cursos monográficos, respectivamente, para o coñecemento do ordenamento xurídico que regula a utilización das linguas en tódalas ordes da vida social, institucional e económica. Deste xeito os licenciados en dereito mesmo descoñecen que a lingua galega ten unha tradición nos usos xurídicos ancorada na idade media. Esta falta de coñecementos e formación incidíu na valoración negativa que teñen estes profesionais do noso idioma, conculcando os dereitos dos seus clientes, impoñéndolles a lei do funil lingüístico co uso exclusivo do castelán na defensa dos asuntos que lles confían. Úlo o plurilingüismo?
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia non é un exemplo brillante de institución dunha comunidade autónoma con lingua de seu con rango oficial. É certo que nos seus comezos, grazas ao maxisterio galeguista do maxistrado Daniel García Ramos algunhas das súas salas -a civil e a do contencioso- ditaban boa parte das súas resolucións na nosa lingua. Pero axiña aquela esperanza virou en frustración pola conduta belixerante da maioría dos maxistrados daquel tribunal, que lles pecharon as portas á lingua galega.
Di o refrán que o moito asoprar, o lume acende. E Isto foi o que veu facendo a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística durante todos estes anos. E agora alborexa no horizonte unha esperanza. Unha nova fornada de xuíces, fiscais e avogados vai secundar o exemplo de Carlos Varela, Fiscal Superior de Galicia, de Benito Montero, Xoán Horro e Xoán Xosé Barreiro Prado, fiscais e maxistrado da Audiencia Provincial de Pontevedra, verdadeiros esteos deste movemento regaleguizador, que veñen traballando arreo neste labor desde hai moitos anos, sen esquecer aos tamén maxistrados Luciano Varela e Xoán Alfaya.
O próximo día vintéun celebraremos no mosteiro de Celanova o acto de constitución da Irmandade Xurídica Galega -unha póla máis da AFNLG-, coa primeira investidura de togas da galeguidade a máis de vinte funcionarios e funcionarias xudiciais que veñen realizando o seu labor xurisdicional en lingua galega. Nese mesmo acto homenaxearemos a Sebastián Martínez Risco, mestre de xuristas, ex presidente da Real Academia Galega, coa edición dun libro no que Xosé L. Franco Grande e Xosé L. Rodriguez Pardo, fan as respectivas louvas. Un home, sen dúbida, que forma parte dunha numerosa e honrosa tradición de xuristas galegos que estiveron identificados cos nosos valores culturais: F.Bouza Brey, R.Carballal Pernas, M.Casado Nieto, D.García Ramos, R.González Pastoriza, V.Gutiérrez Aller, P. López González, Claudio Movilla, Arturo Noguerol, V.Paz Andrade, Peña Novo, F.Penzol, Porteiro Garea, Orencio Pérez... Irmandiños no Dereito e no galeguismo. Xente de lei.

* Secretario da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingúística

  HEMEROTECA
Caja Negra        O Bichero         Floreano
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya