Serán pola paz

 

Manuel Bragado

Moitos dos usuarios de Vitrasa sorprenderíanse esta semana polos carteis colocados nos interiores dos vehículos convidando a participar o vindeiro venres no Teatro Caixanova no "Serán pola paz". Un acto poético-musical co que comezarán as actividades do XXII Encontro Galego-portugués de Educadores pola Paz que na próxima fin de semana reunirá en Vigo a máis de trescentas persoas vencelladas á cultura de paz no eido educativo. Un acto, tamén, que servirá para presentar os dous primeiros títulos da triloxía "Educación e paz", publicada con motivo da celebración do vinte e cinco aniversario do grupo Educadores pola Paz de Nova Escola Galega, creado en Vigo no outono de 1983 por Xesús R. Jares, daquela profesor do Colexio Público García Barbón.
A creación de Educadores pola Paz -no marco do desacougo producido pola ameaza nuclear da sociedade bipolar da carreira armamentista da década dos oitenta do século pasado- supuxo o inicio do movemento de "Educación para a Paz" xa que este grupo de profesionais da educación foi o primeiro que asumiu a construción da paz e a resolución pacífica dos conflitos como eixo vertebrador da súa actividade educadora. Ao abeiro dos movementos de renovación pedagóxica, e máis especificamente de Nova Escola Galega (asociación fundada a finais da primavera de 1983 como plataforma de diversos colectivos que viñan funcionando en Galicia e dende unha perspectiva galeguizadora, xa dende a década anterior), este grupo vigués constituíuse nunha entidade de base, crítica e independente que serviu de alicerce ao movemento de Educación pola Paz, primeiro en Galicia, logo en todo o estado, máis tarde en Portugal e, xa durante os anos transcorridos deste novo milenio, en Latinoamérica.
Nos anos oitenta, o grupo de Educadores pola Paz organizou as primeiras celebracións en centros escolares vigueses do "Día Escolar pola Paz" (30 de xaneiro), hoxe unha efeméride consolidada no calendario escolar da Consellaría de Educación; promoveu a celebración das exitosas "Xornadas de Educación para a Paz" e o primeiro "Manifesto dos educadores galegos pola paz e o desarme"; e participou activamente nas iniciativas de divulgación da cultura educativa de paz, singularmente apoiadas polo suplemento educativo "A Pizarra" de "Faro de Vigo" e polos espazos informativos de Radio Popular de Vigo. Aquel agromar de Educadores pola Paz consolidouse vizoso en Panxón no ano 1986, coa celebración do primeiro "Encontro Galego de Educadores pola Paz", cita anual que dende entón e de forma ininterrumpida reúne aos membros deste movemento para reflexionar e compartir experiencias sobre a súa actividade.
Durante a década dos noventa -no marco da nova sociedade mundial unipolar e do recoñecemento da Educación para a Paz como un dos contidos transversais do currículum educativo da LOXSE- o grupo Educadores pola Paz consolidou a súa presenza e influenza sobre o mundo educativo (tanto galego, español como portugués), sobre todo, por medio das publicacións dos seus membros sobre educación, paz e dereitos humanos, especialmente polas realizadas por Xesús R. Jares, o animador permanente do grupo e xa entón profesor de Didáctica da Universidade da Coruña. Especial relevancia tivo en 1996, o desenvolvemento do proxecto solidario e multidisciplinar "Construír a paz. Cultura para a paz", artellado arredor dun libro (deseñado por Francisco Mantecón e publicado por Xerais) e dunha exposición itinerante, no que participaron un centenar de ensaístas, escritores e pintores. As presentacións multitudinarias deste libro e do proxecto de cooperación en diversos teatros galegos constituíron o precedente deste "Serán pola paz" que agora anunciamos.
Xa neste milenio -no novo marco da mundialización, da guerra de Iraq e da continuidade das guerras ocultas- o grupo, cunha notable presenza en Latinoamérica, enfocou a súa reflexión sobre a resolución pacífica dos conflitos nas aulas, promovendo os programas "Aprender a convivir" do concello de Vigo e "Aprender xuntos. Convivir" do concello de Lugo, ao tempo que presentou no Parlamento Galego unha proposta de tramitación dunha "Lei galega da paz", coa intención de que o Goberno Galego asumise dende unha óptica global o fomento dos valores da cultura de paz.
Sería inxusto se non mencionase que estes vinte e cinco anos de intenso traballo de Educadores pola Paz foron posibles grazas ao esforzo e o mimo de Xesús R. Jares. Non podo expresar máis que a miña admiración e recoñecemento para o seu traballo de ourivaría sensible destinado a contribuír na loita contra a desesperanza e o conformismo e a procurar dende os espazos educativos unha sociedade plenamente democrática, xusta, solidaria e pacífica. Beizóns para el e para os membros do seu grupo.
bretemas@gmail.com

  HEMEROTECA
Caja Negra        O Bichero         Floreano
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya