Segundo oportunamente recollían, hai apenas un par de días, os "papeis", -nin que dicir ten, e como resulta norma, este moi venerable rotativo sempre na vangarda- D. Julio (Hey....!) Iglesias está triste; pero que moi triste, o coitado do home. O motivo? Pois velaí que, a pesar de tratarse dun dos artistas españois máis recoñecidos no mundo mundial, Mr. Iglesias anota que os mediáticos medios do seu propio país o enviaron, decididamente e nos últimos tempos, para o baúl da avoa sen que o seu estimado público -que tanto o quere e que tanto o aprecia- teña noticias arredor das mil e unha actividades que, ben polo contrario, o ex señor Preysler e papá de o sea, Chabeli, o sea, Enrique e mais, o sea, Julio José continua a desenvolver arreo entre Miami Beach e Beach Miami, sesións de solarium mediante.

Así as cousas, -e de acordo coas informacións que veñen de aportar os moi espilidos e afoutos axentes do noso particular Servizo Secreto- non se descarta, daquela, a presenza de Iglesias pai como un dos novos aspirantes para entrar nas procelosas dependencias da celéberrima Academia de "Operación Churro", outrora dirixida polo moi inenarrable Kike Santander. Falta saber, iso si, se Julio/Hulio será quen de superar os comentarios, desplantes e chulerías mil dese xenio da fachenda, botaporela sen cancelas que atende por Risto Mejode, digo Mejide e mais mariachis/mariachas adxuntos/as. "O que eu quero é un produto, e ti, de ningún xeito, vés ser ese produto; polo tanto.. hei!, non andes presumido por aí.": desde logo, non fai falta matinar moito para chegar á conclusión de que o tal Mejode/Mejide é moi capaz de pronunciar a frase anterior e aínda moito máis, permanezan Vdes. atentos á pantalla.

"Operación Churro"? Pero... non era, entón, "Operación Triunfo" -acaso, chegados aquí, tal veñan retrucar algúns-. "Operación Churro", si; e aínda máis "Operación Fritura" -e con aceite requeimado, requentado e cheirento- e mesmo "Operación Prea/Preallada total". Porque triunfo será para os organizadores, para a canle televisiva que a emite ou para as multinacionais carentes de calquera escrúpulo ético. Nunca, plus jamis, never again... triunfo para a música: esa gran martirizada por parte e arte de semellante fato de especialistas/especialistos na pillaxe e/ou na pailarocada megafriki total a ornearnos, sen vergoña, a súa absoluta burramia no Do-Re-Mi.

E ben sei; ben sei que absolutamente nada pode este modestísimo cronista diante da todopoderosa evidencia do rating, do share... e demais parentela. "Busines as usual", OK Mckey, así son as cousas. Traducido, e como me sinala un vello amigo de meu -demasiado ateo e revolté, se cadra, o ghicho-: "Operación Triunfo, Gran Hermano...? velaí a tes, rapaz: contempla o poder da (nova) ditadura do proletariado!"

Que vivimos nun país onde campa o analfabetismo musical, iso é algo que, infelizmente, non constitúe ningunha novidade. Polo demais, abonda con prender a radio e ir pasando polas diferentes opcións -é un dicir, o de "opcións"- do Dial para comprobalo doadamente. Clónicos de clónicos de máis clónicos: El Barrio, pero tamén El Cortijo, La Comarca, La Tribu... Aínda ben que por esta parte do planeta hispánico contamos coa fortuna da proximidade do país irmão. E é que sintonizar unha emisora portuguesa que emita música resulta todo un inmenso acougo, un pracer para o oído. Menos mal que nos queda Portugal!

Mentres, desta banda, oubea o tal Mejide aquilo de "un produto, o que quero é un produto". Un produto, si; un produto... interior e, sobre todo, un produto interior bruto, pero que moi bruto. E pensar que aínda hai quen dea queixas do "Chiki-Chiki"...!

Tanto ten que se trate dun tango como dun reggae; dunha balada como de rithm and blues; dun fado ou dun cha-cha-cha. Se en algo veñen coindicir Julio Iglesias e mais "Operación Churro/Triunfo" é, xustamente, niso: na absoluta incapacidade por distinguir formas, cores, matices, sentimentos... por descifrar música de música. En fin, que San Jesús Vázquez e a súa Internacional Rosa llelo paguen ben!