Os pais de Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, orixinarios de Silleda, tamén bailaron no Bataclan. Como el explica el, o lugar era algo máis ca unha sala para a diáspora: era "moi emotivo" para os galegos.

-Que une Bataclan aos galegos?

-Era onde ían bailar os sábados ou os domingos pola tarde, o único recreo que tiñan en toda a semana. Porque vivían moi aillados uns dos outros e só se atopaban para certas cousas e o Bataclan era unha delas. Estaba cheo de galegos, os camareiros e os porteiros eran galegos, alí falábase galego, había un ambiente galego tremendo. Estaban feitos a andaren aquí en verbenas e festas e aló non había, e tiñan que concentrarse nun sitio e para eles foi un descubrimento as salas de festas. Dicíanlle "ir ao Bataclan", en masculino, chamábanlle coma un lugar. Aínda que a emigración a Francia non foi dilatada no tempo, alá espertaron e coñeceron o que era unha sociedade desenvolvida e o Bataclan forma parte desa paisaxe.

-Por que tiña tanto éxito?

-Coido que é porque está no Boulevard Voltaire, que queda a medio camiño entre o barrio de Saint Germain des Pres, onde hai moitísimos galegos, e a zona de Poissy, onde estaban as grandes fábricas de automoción, que ocupaban moitísima man de obra galega, todos homes. E as mulleres ían a París para traballar no servizo doméstico, e esa sala está na entrada de París que vén das zonas industriais, quedaba a medio camiño. Supoño que iso faría que fose a sala dos galegos. O que sei é que os meus pais ían, pagaban a entrada e divertíanse alí en días sinalados ou fin de ano, porque o máis habitual era que fosen solteiros.

-E como levaron o ocorrido?

-Sinten pena polo Bataclan porque pertence á súa memoria de xuventude. E puxen un post en facebook porque pensei en cantos galegos non haberá hoxe tristes por unha causa que non entenden máis ca eles, por eses vencellos tan ilusionados para eles, os anos de escaparlle á miseria que tiñan aquí e de prosperidade económica. Alí fraguáronse amizades, mesmo matrimonios. Para esa xente, aínda que logo nunca volvera a Francia, ao mellor o Bataclan é unha parte entrañable da súa vida.

-E que bailaban?

-Música española e galega. Un dos grandes recordos que teñen é de cando Julio Iglesias triunfou con "Un canto a Galicia". Cando a puñan era o momento álxido dos galegos, iso non o tiñan andaluces ou extremeños. El non tocou alí, pero si os folclóricos todos. Era a música que lles gustaba. Non ían escoitar a Piaf nin aos Rolling.

-Vostede aprecia moito Francia e quere transmitirllo aos fillos...

-Tento transmitirlles o nivel de integración e respeto que xa tiñan daquela; a idea de que é un país grandísimo, cun poderío tremendo polos seus valores, o potencial económico, a seriedade... Para Francia o que aconteceu agora é moito máis grave do que pode parecer, porque é un problema social, unha crise de valores e identidade, porque eles trataban igual a un fillo dun galego co dun marsellés e agora teñen que replantexarse moitas cousas.