O mar que nos ofrece a diario tantas riquezas, sustento de tantas familias que atopan nel un medio de vida, tamén se cobra de cando en vez o seu tributo na vida dos mariñeiros. Por desgraza, nos mares do Morrazo temos experiencias dabondo, porque non soe pasar moito tempo sen que teñamos que chorar a morte dalgún compañeiro de batalla que sae a faenar e non regresa. Onte foi a de Marcelo Santos, un home de mar de toda a vida, herdeiro dunha profesión que nestas terras se sucede en moitas familias e que ten trazas de seguir sendo así, porque o mar tira e a necesidade obriga.

Como a gran maioría dos mariñeiros -Cangas sabe moito deso-, Marcelo era un home valente, que non dubidaba en buscar o froito alá donde estaba, aínda en lugares e circunstancias difíciles, como o Cú do Lobo, nos arredores de Cabo Home e donde a Costa de Soavela adoita mostrar unha faz agreste, que nin siquera os máis veteranos lles é doado domesticar. Pero, coñecedor dos perigos do oceano, Marcelo tamén era un mariñeiro precabido, que tiña o costume de visitar por terra cada zona antes de adentrarse na faena -xa fóra á pesca ou o marisqueo coas artes que manexaba- por ver como traballaba o mar e intentar esquivar calquera posible sorpresa, como a onda que o acadou onte pola mañá e da que xa non puido escapar con vida.

Marcelo era un home bo, cordial, implicado en visibilizar as necesidades do sector, en programas de rexeneración, en mellorar as condicións de traballo e a calidade de vida súa e dos seus compañeiros, que agora sofrimos este mal trago coa súa perda. Unha dor que padece de cheo a súa familia, á que lle trasladamos un sentido pésame.