"Eu penso que se podería aprender sen odiar o que estudamos". A frase de Francesco Tonucci leva guiado ao director do CEIP de Viñagrande Deiro, Javier García, na súa andaina educativa ata acadar un soño:dárlle a voz e protagonismo aos nenos cun renovado centro e un novo plan educativo.

A chegada do equipo directivo que capitanea supuxo toda unha revolución no centro público de Vilanova de Arousa, con 125 alumnos. Desde fai tres anos traballan partindo dunha organización e modelos totalmente distintos aos convencionais: non hai libros de texto, materias, exames, deberes nin libros, e as aulas mesturan idades.

No obradoiro que protagonizou onte no Foro de Educación foi explicando a moitos mestres e pedagogos interesados como traballan os nenos ao longo deste curso lectivo. "Un luns calquera, Gema, Lucas e Luis [nomes ficticios] van a zona de pasatempos e atópanse co seu plan de traballo", relata o titor.

O primeiro diferente no colexio é unha nova organización espazotemporal, que racha cos horarios estritos e cos espazos, que permiten ao alumnado interactuar cos contidos. "Por iso deseñamos contextos de aprendizaxe: temos contexto humanístico, literario, musical, matemático, artístico, científico, da lingua estranxeira e acabamos de instalar o de medios de comunicación", comentoulles García. "Hai momentos colectivos, vivenciais e logo momentos compartidos: con nenos mesturados en idades [1º con 2º, 3º con 4º e 5º con 6º]". Tamén foi explicando como os meniños traballaron para teatralizar o conto de Carlos Casares "O can Rin e o lobo Crispín" ou como se involucran en xornais interactivos da escola. "Por exemplo, no contexto educativo matemático, traballan con facturas de teléfono, ou miden con Google Maps o perímetro do campo de fútbol da localidade.

Outra das preguntas máis recorrentes dos asistentes ao obradoiro tiña que ver co método de avaliación dos nenos, "que non levan sobresaíntes", matiza. "Hai rúbricas de cada proxecto, e aparece unha puntuación segundo a elaboración das tarefas", matiza o director. Os alumnos de 3 a 7 anos teñen psicomotricidade todos os días e tamén hai un programa de aprendizaxe lúdico: nunha macroaula teñen posibilidade de interactuar en microcontextos cos seus compañeiros e de forma libre, entre outras novidades.