En pleno proceso de renovación do BNG, recunca como voceiro parlamentario. Carlos Aymerich agarda unha lexislatura moi dura, polos precedentes doutras maiorías absolutas do PP e polas medida que “o señor Feijóo” vai anunciando. “O Bloque fai seguir defendendo o que defendía antes”, asegura, convencido de que a formación saiu reforzada despois do 1-M.

-Xa está preparado para o cambio de discurso?

-Cambiamos de posición, pero non de discurso. O BNG vai seguir defendendo o que defendía antes desde o Goberno, pero na oposición. Imos defender os intereses do país, que é o mesmo que defender os intereses da maioría social: aqueles que son golpeados pola crise.

-Cal será o estilo do portavoz?

-Unha oposición rigurosa, seria, pero tamén moi firme. Porque polo que representa o PP e polo que imos coñecendo do señor Feijóo, estamos nas antípodas. Somos a antítese do PP. Nós entendemos que hai que gobernar para os intereses das maiorías e non para os grandes empresarios, que Galicia debe gobernarse desde aquí e non desde Madrid; e que os nosos sinais de identidade non deben ser obxecto dunha dialéctica política de corto alcance partidista senón de promoción, defensa e uso sen complexos.

-Con ese discurso, baixaron miles de votos nas eleccións.

-Hai moitos elementos que poden explicar o resultado. Quizais houbo problemas na transmisión da labor do Goberno ou das alternativas para a sociedade. Pero seguimos acreditando na vixencia do noso proxecto, e que nel teñen cabida a inmensa maioría dos galegos. Non tería moito sentido analizar o resultado en clave de dicir: temos que cambiar. O proxecto do BNG segue tendo plena vixencia, e penso que está chamado a dar moitos réditos a esta organización.

-A mensaxe de unidade que saiu do último Consello aínda corre o risco de quebrar?

-Cada vez menos. Precisamente esa mensaxe do Consello do 14 de marzo vai calando máis na militancia, na pluralidade de sensibilidades que hai dentro do BNG. Se algunha virtude ten o nacionalismo é a partir desa unidade, e a partir de cuidarmos un instrumento como é o BNG. Todos estamos actuando con moita responsabilidade e moita xenerosidade. E o resultado da próxima Asamblea do 10 de maio vaia ser bo.

-Beiras, Quintana, Paco Rodríguez… Onde ten que acabar a renovación do BNG?

-Está todo por falar e está todo por decidir. O que temos que decidir é como organizamos e preparamos o BNG da mellor maneira para afrontar os retos que temos por diante. Non só traballar na oposición do Parlamento, senón tamén importantes responsabilidades municipais que queremos renovar e ampliar nas eleccións do 2011 e tamén nas Cortes Xerais, onde temos que seguir defendendo os intereses de Galicia. Temos retos importantes por diante.

-Non contestou. Logo Beiras, Paco Rodríguez e Quintana teñen que deixar paso.

-Eu non dixen nada diso. Creo que a renovación non se pode ler só en clave de persoas. É evidente que a renovación ten que ter unha visualización que a sociedade debe percibila, pero non fariamos ben se afrontamos este proceso poñendo condicións, ou facendo depender o éxito ou fracaso do proceso de que estean ou non persoas que teñen feito e traballado moito polo nacionalismo e todas elas teñen aínda moito que dicir no BNG.

-Beiras vai por libre, facendo campaña entre os militantes

-Eu creo que cada quen pode expolicar a súa alternativa, o seu propio punto de vista, pero o importante e

que despois cada un, pulsando o sentir do BNG, sexamos capaces de chegar a acordos. Xosé manuel Beiras e os compañeiros que están con él, igual que o resto de colectivos, estamos todos na mellor disposición de chegar a acordos e imos todos a actuar cunha gran xenerosidade, poñendo por diante o que nos une, o proxecto colectivo.

-Nese proxecto, é o mellor colocado para ser voceiro nacional?

-Iso son informacións que saen na prensa, e francamente non estamos no momento de falar de persoas. Estamos elaborando o regulamento da Asamblea, un documento político na que todos nos temos que sentior reflectidos. E xa chegará o momento de falar de persoas. Hai moitos compañeiros capacitados, e con experiencia, para afrontar esa e outras responsabilidades. Non é a nosa tradición, e sería bo mantela, personalizar os proxectos, senón falar de equipos. Cal vai ser a Executiva, o Consello Nacional, encargado de levar adiante a liña política.

-Cando se fala de correntes, vostede segue sendo quintanista?

-É unha denominación dun grupo de persoas que compartimos análises con Anxo Quintana, que traballamos desde xa hai tempo elaborando teses para que o BNG, dentro da súa pluralidade, sexa cada vez máis BNG. Hoxe non se podería explicar o BNG só coa suma de colectivos ou partidos, o BNG ten unha identidade propia como tal. En definitiva, é una organización de afiliación individual. Ese é o nome que coloquialmente se nos da, e non pasa nada.

-Semella que a culpa se lle quere botar á UPG.

-Non, non. Mediáticamente é moi cómodo buscar unha especie de demo, levado ás veces nalgúns xornais por un odio, non diría odio, pero si unha predisposición negativa cara o nacionalismo. Intenta encarnarse todo iso na UPG. Eu cada vez que se ataca á UPG, síntome atacado como nacionalista. Eu non son da UPG, pero é unha parte importante do Bloque.