vienen para quedarse

Galicia is different

O matrimonio Stephenson chegou a Lugo o ano pasado fuxindo dos guetos británicos do Levante e na busca dunha vida "tradicional e tranquila"

 13:14  
Keith e Sue (esq.), cos seus veciños María, Javier e José Manuel.
Keith e Sue (esq.), cos seus veciños María, Javier e José Manuel. 

PILAR MERA / A CORUÑA A duras penas, entre o inglés e o español, Sue non para de repetir o "encantada" que está de vivir en Galicia, unha comunidade tan "different" da súa residencia anterior, no Levante, que ben podería reinventar o Spain is different que levou a milleiros de británicos e alemáns á costa mediterránea nas últimas décadas. As tendencias cambian, e cada vez son máis os estranxeiros que, no canto do turismo de sol e praia que ofrece a costa levantina, escollen Galicia para comprar unha casa e vivir "tranquilos, nun ambiente natural e tradicional".

Iso é o que buscaban Sue e Keith Stephens logo de cinco anos vivindo en Valencia, primeiro en Oliva e despois en Bocairent. "Alí era todo demasiado... fashion", di Sue, que recorda que "os restaurantes, as tendas e todo estaba pensado para os ingleses e os alemáns". "Ao final era como vivir nas illas pero con sol. Até os nosos veciños tamén eran británicos", engade, iso si, matizando que deixaron "moitos amigos" alí e que o pasaron ben aqueles anos.

"Pero queríamos unha vida máis tradicional, unha casa con finca, un ambiente tranquilo e natural", relata esta inglesa de 47 anos que se dedica a facer tarxetas de felicitación. E con esas premisas e a recomendación dalgúns amigos españois non tardaron en comezar a buscar vivendas rurais en Galicia. Finalmente, e coa mediación de Galicia Paradise -unha das moitas axencias inmobiliarias que se dedican ao mercado estranxeiro-, o ano pasado deron cunha casa vella nunha pequena aldea, de só dez veciños, no municipio lucense de Antas de Ulla.

"Tivémola que restaurar moito, e aínda estamos niso, pero gustounos moito porque é de pedra, con vigas de castiñeiro... Aos británicos gústannos moito as casas antigas", explica Sue, paradigma dos centos de británicos que nos últimos anos teñen comprado casa en Galicia na busca dun estilo de vida tranquilo e natural que no Reino Unido non se poden permitir. "En Inglaterra é imposible comprar unha casa con terreo", di Sue, que recoñece que os baixos prezos das casas galegas, especialmente as de aldeas case abandonadas e que precisan grandes reformas, foi un dos puntos a favor de Galicia á hora de escoller o destino do seu retiro.

E é que Sue e o seu home, que é fotógrafo, levan pouco máis dun ano vivindo en Antas de Ulla, pero teñen claro que quedarán aí "para toda a vida". Entre outras cousas, porque están "moi contentos" cos veciños, un factor moi importante para os británicos. "Son encantadores, moi amables e cercanos. Tráennos comida da horta e todo", di Sue sobre María, Javier e o seu fillo, José Manuel, que se dedican á gandeiría.

Sobre os problemas legais que están tendo moitos británicos que compraron casa no Levante e que agora están afectados pola lei de costas, Sue ten claro que a "a culpa non é do Goberno de España, como pretende facer crer a prensa británica, senón dos compradores". "Nós sempre consultamos cos avogados antes de calquera operación, non hai razón para o escándalo que se montou no Reino Unido", di Sue, que ademais valora que as casas galegas, precisamente por ser máis vellas, "teñen todas os servizos básicos como a luz, auga e teléfono".

E mentres aprenden "pouquiño a pouquiño" [sic] o idioma, estes galegos de adpoción teñen claro que esta será a súa casa "para toda a vida" e que recomendarán Galicia a todos os seus amigos "británicos e españois".

  HEMEROTECA
Caja Negra        O Bichero         Floreano
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya