A poboación de Galicia no ano 2016 acadou, segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), a cifra de 2.718.525 persoas, das que o 36,3% reside nunha das sete grandes cidades. Vigo é a que conta con maior poboación (292.817 persoas), seguida a pouca distancia pola Coruña (con preto de 244 mil persoas), Ourense e Lugo. Pecha a lista Ferrol, co 2,5% da poboación.

O xénero feminino supera ao masculino: o 51,8% da poboación galega son mulleres. No referido á estrutura por idades, o 11,9% dos habitantes ten menos de 15 anos, o 63,8% está comprendido entre os 15 e os 64 anos, e o 24,3% xa cumpriu os 65 anos de idade.

As sete cidades galegas, a excepción de Ferrol, presentan unha estrutura por idades menos envellecida que a galega (teñen porcentaxes de poboación menor de 15 anos superiores á media galega, e porcentaxes de poboación maior de 64 anos inferiores á media galega -agás Ourense que, neste indicador, supera lixeiramente a cifra galega-). En Ferrol, pola contra, a porcentaxe de poboación menor de 15 anos sitúase por debaixo da media galega e a de poboación maior de 64 anos, por riba (o 26,8% das persoas empadronadas neste concello supera esa idade).

Segundo os últimos indicadores demográficos do IGE, a poboación galega diminuíu en 2015 un 0,49%, confirmando así o cambio de tendencia iniciado en 2011.

Este decrecemento vén acompañado dunha continua diminución no peso relativo con respecto á poboación total de España. Se no ano 2006, a poboación galega representaba o 6,20% da poboación española, en 2016 esta porcentaxe diminúe ata o 5,86%.

En canto á distribución da poboación por provincias, Lugo e Ourense continúan a perder representatividade mentres que A Coruña e Pontevedra aumentan o seu peso no total galego. A densidade de poboación en 2015 foi de 92,5 persoas por quilómetro cadrado. Por provincias, Pontevedra, con 211 habitantes por quilómetro cadrado, foi a que presentou unha maior densidade de poboación. No outro extremo atópase Lugo, con 34,4 persoas por quilómetro cadrado.

O 56% da poboación galega reside no mesmo concello no que naceu; o 30,9% noutro concello ou provincia distinto ao de nacemento e o 13,2% naceu noutra comunidade autónoma ou no estranxeiro. Nos sete grandes concellos galegos, a poboación que reside no mesmo concello no que naceu oscila entre o 46,8% de Ourense e o 61,2% de Ferrol.

O 3,2% da poboación residente en Galicia é de nacionalidade estranxeira. Seis dos sete grandes concellos galegos posúen porcentaxes de poboación estranxeira superiores á media galega. Lugo acada o valor máis alto en 2016 (o 4,7% dos residentes no municipio de Lugo teñen nacionalidade estranxeira), seguido de Ourense e A Coruña (co 4,4% e 4,3%, respectivamente). En Ferrol, a porcentaxe de estranxeiros sitúase no 2,1% da poboación total.

Envellecemento

Ao despoboamento que se está a producir en moitos concellos, súmase otra característica importante: un proceso de envellecemento que non é exclusivo da nosa comunidade, senón que está a afectar a toda Europa. Neste senso, a idade media da poboación no caso galego continúa a incrementarse ano tras ano, e actualmente sitúase en 46,51 anos.

Na estrutura por idades da poboación galega pódese comprobar o proceso de envellecemento: diminúe o peso dos grupos de individuos de menos de 20 anos e de entre 20 e 64 anos, e increméntase o de 65 e máis anos.

Para a análise máis específica do proceso de envellecemento úsase o índice de envellecemento, que calcula o número de persoas de 65 ou máis anos por cada 100 persoas menores de 20 anos. Desde o ano 1975, o seu continuo incremento reflicte a velocidade de envellecemento da poboación, superior no caso das mulleres. Para o conxunto de Galicia, situouse no ano 2016 en 153,69; isto significa que, por cada 100 menores de 20 anos, contabilizáronse case 154 persoas maiores de 64 anos.

Outro indicador, o índice de sobreenvellecemento, amosa como está estruturado o grupo de 65 ou máis anos: calcula que porcentaxe representa a poboación de 85 ou máis anos sobre o grupo de 65 ou máis anos. No ano 2016, no conxunto de Galicia sitúase no 17,03%.

Natalidade e mortalidade

Por outra banda, Galicia continúa inmersa nun proceso de redución da taxa de natalidade (nacementos por mil habitantes), que se sitúa en 7,12 no ano 2015.

Un indicador amplamente utilizado é o denominado índice sintético de fecundidade ou número medio de fillos por muller, obtido como a suma das taxas específicas de fecundidade das mulleres en idade fértil (de 15 a 49 anos); no ano 2015 cifrouse en 1,10 fillos por muller para Galicia.

A idade media á maternidade, calculada como a media aritmética das idades ás que as mulleres teñen os fillos, ponderada polas taxas específicas de fecundidade de cada grupo de idade, situouse no ano 2015 nos 32,55 anos. Cómpre salientar que a idade media da nai ao nacemento do primeiro fillo tamén se incrementa ano tras ano, sendo de 31,54 anos en 2015.

En canto á taxa bruta de mortalidade, en 2015 tomou o valor de 11,62 defuncións por cada 1.000 habitantes.

A esperanza de vida ao nacer en Galicia, estimación do promedio de anos que viviría unha persoa nacida no ano de referencia no caso de que as condicións de mortalidade se mantivesen constantes e semellantes ás do ano de referencia, acadou no ano 2015 os 82,63 anos. A diferencia entre xéneros é significativa, sendo a esperanza de vida en homes de 79,53 anos, mentras que en mulleres é de 85,64 anos.

A esperanza de vida aos 65 anos, que estima o promedio de anos que lle queda por vivir a unha persoa que chega con vida aos 65 anos, situouse no ano 2015 nos 21,17 anos. Tamén é superior no caso das mulleres, onde o indicador acada os 23,10 anos. Nos homes, é de 18.99 anos.

No que respecta á nupcialidade, a taxa acadou os 3,39 matrimonios por cada mil habitantes no ano 2015. A idade media ao primeiro matrimonio continúa a ser superior en máis de dous anos no caso dos homes (34,87) con respecto á das mulleres (32,57), segundo os datos correspondentes ao ano 2015.