Ezequiel Fernández (Moaña, 1974), é o número 17 da lista do PSdeG-PSOE ao Parlamento galego nas eleccións do vindeiro domingo 25 de setembro. Defende os beneficios que traería para Moaña e a comarca un xiro a esquerda.

-Leva pouco en política e xa forma parte da lista para as autonómicas. Como recibiu esta nova?

-Dende a executiva provincial falaron conmigo e consideraron que o meu perfil era o que precisaban para conformar as listas porque son concelleiro en goberno e traballador da Xunta de Galicia na área de Medio Ambiente. Todo sumou. Por iso contaron conmigo.

-A campaña do PSOE no Morrazo está a ser de moi baixa intensidade. ¿Por que?

-Estaba previsto que viñese a Moaña o candidato á presidencia Fernández Leiceaga, pero eu non estaba dispoñible polo meu traballo. Son axente facultativo medioambiental e me colle en plena campaña de incendios, saíndo incluso a outras provincias. Por iso non teño moita dispoñibilidade ata que remate o verán.

-Pensa que chega á política autonómica no peor momento do PSOE a nivel galego e estatal?

-Dende fóra se pode percibir que igual non é o mellor momento, pero a marca PSOE é unha garantía para os cidadáns en canto á defensa dos seus dereitos. A xente sabe que o PSOE sempre estará ao seu lado defendendo os servizos públicos. Sobre todo ao lado dos menos favorecidos ao defender unha sanidade cen por cen pública. Así se deixou claro o mércores no mitin en Vigo. Se o PSdeG goberna se vai a recuperar o Hospital Álvaro Cunqueiro como un hospital 100% público. Con nós se garanten as políticas de igualdade e emprego, así como a educación pública e gratuita, por iso defendemos a recuperación da gratuidade dos libros de texto. Noutras áreas como o medio ambiente queremos apostar por un cambio de rumbo en certos aspectos con políticas máis proteccionistas.

-As renuncias de candidatos afíns a Abel Caballero abriron unha crise que vos pasará factura?

-Non debería. Houbo algúns candidatos que renunciaron pero non mitin do mércores se notou que estamos todos unidos e todos remando na mesma dirección. Cremos que, cun pequeno impulso, Leiceaga pode ser o próximo presidente da Xunta de Galicia.

-Todas as enquisas dan unha maioría moi cómoda a Feijóo. Pensa que se pode batir ?

-Penso que si. As enquisas están para darlle a volta. Entre as distintas forzas progresistas, desaloxar ao PP do goberno igual non está tan lonxe como se pensa. Pensamos que pode ser viable e se o PSdeG lidera ese cambio de rumbo na política autonómica se garantirán os dereitos dos cidadáns. Moaña veríase beneficiada en aspectos como o Centro de Alta Resolución ou outras demandas das que só obtemos a calada por resposta por parte da Xunta.

-O principal reto é manterse como segunda forza en Galicia?

-O PSdeG pola súa experiencia ofrece garantías que os cidadáns xa coñecen. EnMarea é un partido novo que pensamos que non ofrece as mesmas garantías, con malas experiencias en gobernos dalgún concello.

-Por que ao PP non lle pasan factura os casos de corrupción?

-Penso que iso forma parte do partido. Xa se sabe que o PP, o que perde por un lado o vende polo outro, como se ve nestas últimas semanas, nas que está a repartir cheques. Os electores do PP tamén son moito máis fieis que os do PSdeG e os de todo o sector da esquerda.