22 de septiembre de 2017
22.09.2017

Ledicia Costas: "Cada vez temos menos dereito a decidir o que queremos ser"

A escritora Ledicia Costas presenta esta tarde en Vigo "A señorita Bubble"

22.09.2017 | 20:44
Ledicia Costas.

As divertidas, coloristas e detalladas ilustracións de Andrés Meixide acompañan un novo texto de Ledicia Costas. A escritora viguesa, que no 2015 se fixera co Premio Nacional de Literatura Infantil, non para de crear. A última criatura, A señorita Buble. Presentouna na Libraría Cartabón, no número 128 de Urzáiz.

- Como xorde esta novela?

-Sempre me atraeu moito o universo steampunk, as máquinas de vapor, o mundo victoriano . Escribín Jules Vernes, a vida secreta das mulleres planta, publicada hai un ano e aí trataba os inventos, o futurismo... De aí, de forma natural, pasei a escribir unha novela infantil inspirada no Londres de finais do século XIX cos engranaxes, as poleas, as máquinas imposibles... Eu quería escribir un libro cunha muller protagonista científica, tecnolóxica e aí está Bubble.

- Cando chega á nova vila non é moi ben recibida. Inda non se ve ben que as mulleres estean formadas e vivan como queiran?

-Diso se trata. Aquí, ela sofre o rexeitamento da xente da vila porque viste distinto, porque é solteira, alternativa. Tamén, porque á xente lle abruma á súa intelixencia. É unha inventora que ten seis dedos, que conduce un coche a vapor, que vive nunha mansión. A xente ignora que fai dentro e tampouco se atreve a preguntar. O descoñecido dá medo e o diferente, na sociedade actual, provoca rexeitamento.

- O libro escomeza cunha frase na que se establece un paralelismo entre o mundo e o xeado de tutifruti, pola diversidade. A meirande parte da xente non a acepta...

-E mellor nos iría se o fixera. Unha das maiores riquezas que existen no mundo é a diversidade, o distinto, o diferente; pero a xente non o comprende e así nos vai.

- Pero na novela deposita certa esperanza en dúas coprotagonistas, as nenas irmás Noa e Sofi.

-Elas son o futuro. Pasa cos nenos que non teñen prexuízos máis aló do que lles chega pola educación, da cultura, da propia sociedade que llos vai metendo. Elas están nese punto onde inda non os teñen. Son nenas listas, diferentes, que potencian a imaxinación.

- É curiosa a reflexión que fai sobre a xente reumática, algunha experiencia persoal?

-É pura ficción. Sei que as persoas que sofren reuma sofren moito. Por iso ese xogo no libro de que cando respiran néboa están de mal humor porque se atopan mal.

- Supoño que o pasaría moi ben argallando estas aventuras.

-Para min escribir é divertirme. É a única maneira de transmitir unha dose de humor ós lectores. Río mentras escribo. Para min o humor move o mundo. Por iso está nos libros.

- Inda que no final si que quedan algúns retazos tristes.

-Creo que é unha mestura de emocións. Neste libro condénsase a tristura, a emoción, a ledicia... Pero no final hai unha porta aberta ó que pode pasar no futuro. Eu creo que neste universo hai que afondar. En Laponia pode pasar algo.

- Cataluña, Venezuela, o Caribe, Corea, as ameazas de Trump dende a ONU... Que lle preocupa máis?

-A intolerancia e o fácil que lle é a algúns falar daquilo que non coñecen. Nos tempos que corren coas redes sociais, todo o mundo eríxese como xuíz. Paréceme un tema perigoso. Tamén me preocupa que coarten o dereito a decidir. Non me gustan as imposicións e vivimos na era das imposicións. Cada vez temos menos dereito a decidir o que queremos ser, facer, onde queremos estar, e iso é moi duro.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine