"Cando o naufraxio leva lonxe da casa" é o capítulo da serie "Náufragos", encargada de contar a vida das familias dos náufragos que non regresaron do mar, que se emite na Televisión de Galicia (TVG) na madrugada de hoxe (as 01.30 horas).

En moitos naufraxios a herdanza dos fillos e fillas do mar é a orfandade. En Galicia creáronse dous colexios para atender aos orfos e orfas dos mariñeiros. As fillas acudían ao colexio de Mosteirón no Concello de Sada, e para os fillos tocaba o colexio de Panxón no Concello de Nigrán.

Despois da desgraza sufrida na casa, estes colexios foron durante décadas a única forma de que os fillos e fillas dos náufragos puideran estudar e garantirse un futuro.

A serie, dirixida por Xosé Henrique Rivadulla Corcón e producida por Celta achégase a falar con catro exalumnas da residencia "Carmen Polo de Franco", emprazada na parroquia de Mosteirón no Concello de Sada, estando rexida pola Congregación de monxas Calasancias. Yolanda Boubeta, Pilar Rey, Remedios Rodríguez e Loli Fernández recordan a súa infancia coas súas luces e sombras.

A morte do pai é o que cambiou de xeito tan radical as súa vidas, o detonante dunha vida lonxe da familia, no colexio convivindo con outras nenas que pasaran pola mesma traxedia, e así o colexio foi o seu fogar, case o único fogar, como o acolleron nos seus corazóns. Sen esquecer ao pai que xa non estaba xa que a súa nai estaba lonxe pero aínda estaba. A vida pode ser fermosa de moitas maneiras. E elas conseguiron facela fermosa, a clave estivo na fonda amizade que se trazou entre todas as alumnas do Colexio que perdura hoxe.