Un concerto para nenos con vocación viaxeira

15.04.2016 | 09:58
Un concerto para nenos con vocación viaxeira

Paio, un teixugo viaxeiro que percorre medio mundo vivindo as máis emocionantes aventuras, é o protagonista de As andanzas de Paio, o primeiro libro-disco do novo grupo vigués Oviravai que se presenta esta fin de semana na cidade olívica cun concerto no Auditorio do Concello de Vigo (Praza do Rei), mañán sábado ás 18h. As entradas están xa á venda, por 5 euros, na Libraría Papiro (Rúa As Teixugueiras, 11), na Libraría Maruse (Florida, 123) e na Central de espectáculos (Rúa Velázquez Moreno 26). Paio, que xa conquistou ao público ourensán a pasada fin de semana cun concerto no que tivo que colgar o cartel de "aforo completo" horas antes de abrir as portas do teatro, percorre lugares tan remotos como Madagascar, Canadá, China ou o mesmo fondo do océano, onde coñece a unha boa morea de novos amigos. De regreso á granxa na que se atopa a súa teixugueira, cóntalles e cántalles a todos os animais as peripecias que vén de experimentar na súa particular andaina. O grupo Oviravai, de recente creación, é o responsable deste novo álbum no que se fusionan diferentes ritmos e estilos musicais. Verónica Santalices e Federico Welicki, integrantes da banda, son os autores das letras e músicas de As andanzas de Paio, un libro-disco ateigado de sorpresas e descubrimentos.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine