A sala Capitol de Compostela, a partir das 21.30 horas de hoxe, acolle o concerto de Fernando Tato, protagonista da serie O Faro, da TVG, onde dá vida a Ricardo. O actor, que tamén é músico, ofrecerá unha versión especial do seu primeiro disco, El animal en mí. Ó respecto, sinala que "é unha especie de peche de ciclo porque hai un ano que presentei este primeiro disco en solitario coa Capitol, coa miña banda, que eran cinco músicos. Agora, volvemos a esa sala tan emblemática e presentamos temas novos e revisitamos o primeiro disco con outros arranxos".

Nesta ocasión, Tato vén acompañado de Susana Sampedro, como corista; e Ramón Orencio, tamén coñecido como Mr Cool, que fará de instrumentista. Xuntos dará vida ós temas de El animal en mí con instrumentos que non estaban no disco: trompeta, xilófono, caixón...

"Quería ataca-los temas -confesa o artista galego- dunha forma más íntima e menos convencional. Eu son fan de xente como Bob Dylan, que o ves unha vez tocando unha canción e a seguinte vez que o ves é totalmente diferente porque os músicos e os instrumentos son outros e porque, ás veces, el tamén cambia as cancións; Tom Waits tamén o fai todo o tempo".

Asegura Tato que xa dispón de temas para un novo disco, sen embargo, inda non ten seguro cando entrará no estudio para gravalos. "Teño a sensación de que quero exprimir máis o primeiro disco, dende que o presentei ata agora non parei de rodar en O Faro. Gustariame facer unha xira, mesmo ir a Madrid ou Barcelona".

O actor prepárase para rematar o fin da séptima temada da serie, que supera os 500 capítulos, e da que descoñece se haberá unha oitava.