A Rede Galega de Teatros e Auditorios ofrecerá ata xuño deste ano un total de 317 representacións de teatro, música, danza, maxia e novo circo en 41 espazos de toda Galicia. Esta cifra supón un aumento de preto do 25% no número de funcións contratadas respecto ao mesmo período do ano pasado, segundo a información facilitada pola Consellería de Cultura.

O responsable deste departamento, Román Rodríguez, foi o que presentou a nova programación sinalando que o incremento reflicte a consolidación deste circuíto como a principal canle para a exhibición dos espectáculos galegos.