O Museo Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia acolleu onte a entrega dos Premios da Cultura Galega 2015, unha gala que estivo marcada polas ausencias e na que os artistas reivindicaron os "sinais de identidade" de Galicia e pediron aos poderes públicos máis apoio ao sector e ao idioma galego.

Aínda que a Xunta concedeu, como é tradicional, oito Premios da Cultura Galega, finalmente só foron entregados sete, despois de que a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística rexeitase o galardón alegando que sería "incoherente" recibilo de mans dun goberno que "ignorou" as súas demandas.

Á gala tampouco asistiu Fina Casalderrey, Premio da Cultura Galega das Letras, aínda que por motivos persoais, e foi unha persoa delegada a que colleu o seu galardón e leu o seu discurso.

Neste texto, Fina Casalderrey agradeceu a concesión do premio e reivindicou o carácter esencial do galego na súa literatura para asegurar que "o triunfo está en avanzar sen que ninguén teña que entregar a súa derrota". "En galego podemos transitar por camiños diversos e expresar saberes diferentes", escribiu a premiada, que puxo o idioma como "patrimonio universal dos galegos" e pediu á Xunta que "meta un pouco máis á présa" ao "conciliador" Plan Xeral de Normalización.

Tamén a gañadora do Premio de Artes Escénicas, a actriz María Bouzas, aproveitou a súa intervención para denunciar a situación na que se atopa o sector. En particular, Bouzas lamentou que nos últimos cinco anos non puidera traballar en Galicia --aínda que si desenvolve o seu labor profesional en Madrid-.

O Premio da Cultura Galega de Audiovisual 2015, o cineasta Ignacio Vilar, subiu ao escenario do Museo Centro Gaiás para reivindicar as posibilidades do cinema para "manter vivo o imaxinario do pobo galego" e a súa tradición oral.

Do mesmo xeito, presentouse como un "neno de aldea", a imaxe do Balbino de 'Memorias dun neno labrego', e eloxiou como estes "campesiños" puideron "conservar o galego" a través de séculos de escuridade". "Galicia somos nós, a xente e o idioma", dixo, citando versos de Manuel María.

O debuxante Miguelanxo Prado, que recibiu o premio de Artes Plásticas, animou a sociedade a "seguir escollendo socialmente os sinais de identidade que serven de adhesivo" para convertelas en "riqueza social". "Non é un premio individual, é un recoñecemento colectivo", indicou.

O Premio da Música foi para o Coro Toxos e Flores; mentres que a Federación Galega pola Cultura Marítima recibiu o de ámbito no Patrimonio. O de Proxección Exterior foi parar á norteamericana Kathleen Nora March, por difundir a cultura galega nos Estados Unidos.