Lembrar dende o lecer a nosa orixe como pobo e a nosa identidade, que ten como base principal a lingua galega". Para Mariña Lourido, concelleira de Cultura de Mos, este é o obxectivo que persigue o Festival de Teatro 4x2+1 Maxia, un ciclo de actuacións presentado onte e que dende hoxe se desenvolverá no colexio Escravas da Virxe Dolorosa.

O dobre programa de espectáculos, infantil e para adultos, que propón esta iniciativa cultural, inclúe oito representacións teatrais a cargo dalgunhas das máis recoñecidas compañías galegas, que irán achegándose ata Mos cada fin de semana ata o próximo 9 de decembro, día que se reserva para un festival de maxia no que actuarán varios membros da Asociación de Magos de Galicia.

Entre as montaxes que poderán verse de forma gratuita neste festival inclúese unha a cargo da compañía de teatro independente A Cividade, de Louredo, que presentará o día 3 de decembro "Xa temos tele", unha "peza de autoría propia", sinalou Mariña Lourido, quen aclarou que a representación infantil prevista para o día 26 de novembro será na Asociación Cultural A Cividade "en homenaxe á labor de apoio ao teatro e á lingua galega que veñen facendo nos últimos anos".