O Concello de Fornelos de Montes, seguindo no seu empeño de apostar pola cultura e a lingua, convoca a I edición do Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rey, de artigos inéditos en galego no ámbito da denuncia social, por ser este, o do compromiso social, a liña literaria de Lueiro. A convocatoria estará aberta a partires do día 29 do presente mes e pecharase o 30 de xuño. As bases poden baixarse da web do Concello: www.fornelos.com.

Fornelos que xa ten un premio de poesía, implícase agora nesta nova aventura literaria co compromiso de seguir divulgando a figura e a obra do escritor local Manuel Lueiro Rey.

Lueiro, que deixou unha importante obra literaria, tanto en narrativa coma en poesía, escribiu tamén infinidade de artigos que publicou en diversos medios, tales coma Faro de Vigo, Diario de Pontevedra, Hoja del Lunes, A Nosa Terra, algúns deles recollidos no libro, "Crónicas dunha transición intransixente" e "Novas crónicas dunha transición intransixente", este último editado por Laiovento e que foi publicado o pasado ano 2016, con motivo da celebración do centenario do nacemento do escritor.