Non quero deixar de facer pública a miña admiración, gratitude e felicitación ao equipo da miña parroquia no seu sesaxésimo aniversario.

Dende aquel xa lonxano 1947, o Santa Mariña quixo ser buque insignia do fútbol modesto vigués deixando un ancho ronsel e abofé que o acada, pondo en marcha iniciativas novidosas no panorama deportivo da cidade.

Fuxindo sempre do ambiente tabernario e despois de pasar por varios locais en distintos puntos da parroquia, na segunda mitade da década dos anos sesenta marcará un fito na historia do fútbol local coa inauguración da sede social que será envexa sá de tódolos clubes. Este local terá secretaría, sala de xuntas, servizo de bar, un amplo espazo para o material deportivo, un anexo para lavandería e vestiario con duchas de auga fervente; será punto de encontro para tódala familia santamariñista, un lugar de lecer onde se pode mirar televisión, xogar ás cartas, xedrez, billar, futbolín ou ler a prensa, asistir a conferencias, charlas amigables...

A feliz idea do renacemento do Deportivo Cabral no ano 1969, levará ao Santa Mariña a ser o club vigués con máis seccións deportivas: dous equipos de modestos, dous de xuvenís e dous de infantís, algo que están moi lonxe de acadar outros clubes de fútbol. Este proxecto serviu para que moitos nenos e mozos da parroquia e fóra dela tiveran a oportunidade de practicar unha actividade deportiva nun tempo onde a infraestructura era moi precaria.

No 1983, despois da fructífera xestión e do coraxudo traballo que supuxo segregar moitas gotas de suor, ó son da gaita, bombo e caixa e ao estralo dos fogos, anuncian o primeiro partido nas instalacións de Cotogrande. O esforzo daqueles valentes (Cabral sabe quen foron) levou a que hoxe, máis de 300 nenos, mozos e veteranos integrados en 20 equipos xoguen nas mellores instalacións do fútbol base vigués.

Éstes son só uns exemplos da fecunda historia da Unión Deportiva Santa Mariña que, cumpridos sesenta anos, a súa signal segue vixente coma o primeiro día, ondeando ós ventos e baténdose ós temporais deportivos, sen que a erosión de tantos anos estrague os cimentos da entidade. É que en ese escudo en forma de corazón agroman a cachón moitas lembranzas e sentimentos.

Parabén para todos/as que, co seu esforzo, conseguiron e conseguen ter en pé (moitos outros foron a pique na dura travesía) unha institución que é sinal de identidade dunha parroquia.