Con esta carta só quero lanzar un par de preguntas ás cabezas pensantes dese invento autodenominado "Galicia Bilingüe" e a calquera habitante de Galicia e de España. Aí van: pódese conseguir un bilingüismo real entre o galego e o castelán nun territorio onde o 98% das canles de TV emiten en castelán e o 90% das emisoras de radio fanno en castelán e o 90% dos xornais periódicos están escritos en castelán (aínda que todos eles reciben subvencións por "promocionar" o galego)?

Atención, segunda pregunta. Xa que tanto cacarexan de falta de liberdade na escolla do idioma, eu pregúntolles: que lles parecería logo vivir nunha zona (que as hai en Galicia, e a feixes) completamente galego falante e recibir todos os libros de texto en castelán!! E así durante xa non digo corenta anos senón durante catrocentos sen prestarlles maldita atención. Eis o bilingüismo ao que nos queren facer volver algúns iluminados pseudo-profesores. O alumnado que fracasa non o fai porque fale nunha lingua, o alumnado que suspende 7, 8, 9 ou 10 materias, o que abandona a ESO nun 33% de media no estado español ten moitas outras eivas que non teñen nada que ver co bendito idioma galego e si coa desmembración dunha sociedade que perdeu as súas raíces e moi logo, grazas ás accións de persoas coma vostedes, perderá o seu idioma nativo, un produto tan inmaterial como a alma da que carecen os perseguidores do galego.

Creo que as dúas preguntas respóndense a si mesmas cun mínimo "sentidiño" do que, polo visto, carecen os autores dese invento. Grazas.