Se non lles dan refuxio. Os señores da guerra decidiron que a uns cantos países había que lles cambiar o goberno. Era o mellor pretexto para facerse con eles: co gas natural e ouro de Libia (o país máis pobre do mundo antes de Gadafi, e que chegou a ser o máis rico de África). Obsesionáronse coa situación inmellorable da fermosa Siria, con Iraq, rico en petróleo, a cuna da civilización, o país entre ríos (Mesopotamia). Codiciaron os tesouros ocultos de Afganistán, con xacementos de cobre, ouro, ferro, pedras preciosas...

Estes países ricos en recursos non tiñan, porén, o poder dos invasores, que os destruíron malia a resistencia heroica que ofreceron ata o final. As persoas que fuxiron desta barbarie buscaron refuxio en Occidente e atoparon promesas de "quedabén", falsas esperanzas e un total abandono.

Cun cinismo perverso fixeron crer que a vella Europa, solidaria e bondadosa, abriríalles as portas, despois de saquealos e destruílos. Moitos e moitas indignámonos diante desas rengleiras de xente que non parecen ir a ningures, pero cantas protestamos cando os invadían e bombardeaban? Moitos celebraban a chegada da "primavera" da man dalgún personaxe influínte da sociedade, pechando os ollos diante de tal barbarie.

Europa esquece as masas inxentes que non hai tanto escapaban dos nazis, derrotados, por certo, polo glorioso exército da Unión Soviética na batalla de Stalingrado, no ano 1943. Basta xa de inxerencias e masacres dos pobos soberanos!