A dirección do cárcere de A Lama restrinxe dende inicios de 2017 a integrantes da Asociación Concepción Arenal de Axuda aos Presos visitar a persoas reclusas nese centro penitenciario. O pasado 30 de novembro o Goberno do Estado deu resposta a unha pregunta no Congreso dos Deputados sobre esta cuestión. Para contextualizar o significado deste asunto é preciso aclarar que a inmensa maioría desas visitas eran a xente con pouca ou ningunha rede familiar ou social. En máis dunha ocasión, foi a única visita recibida por algunha persoa en anos.

Extractamos agora dous fragmentos do escrito de resposta do Goberno para, a continuación, darlle á súa vez outra resposta (esta non será escoitada polo Executivo, evidentemente).

(...) se necesita que la actividad ofertada por la ONG se valore como positiva y útil para los internos por la Junta de Tratamiento y, en segundo lugar, que los voluntarios (...) no tengan algún impedimento (...) por razones de seguridad (...).

(...) la Junta de Tratamiento del Centro Penitenciario de A Lama (...) no consideró que pudiese ser de utilidad la actividad que oferta a los internos esta ONG ya que dicha actividad no proporcionaba ningún elemento de utilidad que pudiera ser de interés en la programación de las actividades de intervención y tratamiento diseñadas en dicho centro penitenciario.

Fica bastante claro que o concepto importante aquí, descartadas as razóns de seguridade, é o da utilidade. A palabra repítese como argumento nun esquema interpretativo simple, un binomio actividade-útil. A definición desta utilidade non está por suposto en mas das persoas que participan na actividade, senón na Xunta de Tratamento. Podería pensarse que isto é algo normal dentro duna pena de privación de liberdade, mais, galeguizando a frase feita, anda o demo nos detalles. O fundamental é comprendermos que é o que se está a impedir e a quen. Dende a Dirección do cárcere, e agora dende o Goberno, poñen o acento na actividade dunha asociación. Pola contra, se mudamos a perspectiva topamos de fronte cos dereitos das persoas presas.

De que estamos a tratar? Non dunha actividade recreativa ou terapéutica: son visitas. Ao falarmos de visitas no caso dunha persoa presa estamos a tocar dereitos básicos. Quen é suxeito de dereito aquí é quen visita, pero sobre todo a persoa presa. O tipo de dereitos en xogo neste caso son precisamente os menos útiles de todos, os dereitos humanos. A dignidade, que forma parte do primeiro artigo da súa Declaración Universal, debe concretarse non só nun enunciado, senón en accións encamiñadas á súa defensa e respecto.

A asociación Concepción Arenal basea boa parte da súa labor en manter contactos postais e desa relación xorde en ocasións a posibilidade, solicitada pola persoa presa (como indica o regulamento), dunha visita. Esta fíxose sempre no réxime ordinario e en locutorio, que está indicado para familia e amizades. Así foi durante os máis de dez anos en que o colectivo actuou sen maior problema e co pleno coñecemento das anteriores direccións.

O importante de todo isto é que impedindo estas visitas, para alén de afectar a asociación, estase a cortar un dereito básico das persoas presas, sen unha motivación expresa e concreta en cada caso. A postura da dirección nese sentido foi xeral na súa negativa.

Segundo a propia lóxica do sistema legal e penitenciario, as persoas presas non deben ter más recortes nos seus dereitos básicos que os que deriven da sentenza ou, en todo caso, de aspectos relacionados co mantemento da orde e seguridade no centro.

A posibilidade ou non de acceder a visitas do exterior afectan á función de reinserción que xustifica legalmente a existencia da propia institución penitenciaria. A finalidade que ten unha visita é evidente se a ollamos dende un punto de vista humano e de dereitos e non meramente administrativo.